Pasar al contenido principal

GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA A APOSTA DA XUNTA POR MELLORAR A ATENCIÓN SANITARIA ÁS PERSOAS ALÉRXICAS COA IMPLICACIÓN DA REDE DE FARMACIAS SENTINELA

Imaxe
20250508_Congreso_Sociedade_Inmunoloxía_Clínica_(4)_20250508212422.jpg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, participou esta tarde na inauguración do 49º Congreso da Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alergoloxía e Asma Pediátrica (SEICAP), un acto no que destacou a aposta da Xunta por mellorar a atención sanitaria ás persoas alérxicas coa creación dunha rede de farmacias sentinela de Saúde Pública que permita coñecer de forma anticipada o impacto dos niveis de pole no ambiente e prever a resposta axeitada.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade puxo en valor o traballo que desenvolve a Rede Galega de Aerobioloxía no obxectivo de previr e reducir o efecto das alerxias entre a poboación galega.

Segundo apuntou, a colaboración entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Vigo posibilita a realización dunha análise precisa sobre a situación do polen no aire, unha avaliación que permite optimizar a xestión dos riscos que ten asociados.

Nesta liña, Gómez Caamaño salientou a intención do Executivo galego de seguir a traballar no eido da prevención e a vixilancia ambiental coa creación dunha rede de farmacias de Saúde Pública que incida tamén no ámbito da aerobioloxía ou noutros campos como a vixilancia de vectores ou que contribúan ao fomento de programas de promoción da saúde ou de promoción da vacinación.

Na súa intervención, o conselleiro agradeceulle á Sociedade Española de Inmunoloxía Clínica, Alergoloxía e Asma Pediátrica ter elixido Santiago de Compostela como sede do seu congreso, puxo en valor o seu traballo rigoroso e a súa dedicación continua á mellora da atención das nenas e nenos con enfermidades inmunoalérxicas. 

Entre os días  8, 9 e 10 de maio, Santiago de Compostela converterase no epicentro do coñecemento sobre a inmunoloxía, a alergoloxía e a asma, coa celebración do encontro nacional de especialistas neste ámbito da saúde.

Así, durante os vindeiros tres días este Congreso nacional desenvolverá un amplo programa científico con relatorios, mesas redondas, xornadas e obradoiros nos que se exporán as últimas novidades e avances vinculados ás alerxias e ao seu tratamento.