A XUNTA COMPARTE OS SEUS PROXECTOS PIONEIROS NA REUNIÓN ANUAL DA REDE NACIONAL DE CRIBADO DE CANCRO

A Consellería de Sanidade compartirá este mércores, en Bilbao, na XXVIII Reunión anual da rede de programas de cribado de cancro, os seus traballos pioneiros no ámbito da detección precoz.
Galicia terá un papel principal na mesa dedicada ao cribado de cancro de mama. Profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública poderán trasladar a experiencia de ter incorporado a intelixencia artificial á lectura de mamografías das participantes no cribado poboacional. Neste modelo de cribado, Galicia foi a primeira comunidade en citar mulleres de 74 anos cando se ampliou o rango de idade.
Tamén no referente ao cancro de mama, a comunidade galega lidera o proxecto Mamorisk, que se validará inicialmente en 14 comunidades autónomas grazas á colaboración entre investigadores galegos e a Consellería de Sanidade. Neste novo modelo de cribado introduciranse os factores de risco e protectores ante o cancro de mama de cada muller e obterase un nivel de risco individual e personalizado.
No ámbito do cribado de cancro de cérvix, a Consellería de Sanidade está a desenvolver con éxito a implantación da autotoma de mostra e esta estratexia será compartida como experiencia de referencia.
Na presentación de indicadores de calidade dos programas de cribado de cancro, Galicia presentará, ademais, os resultados do cribado de cancro colorrectal.
Por último, a Xunta dará detalles dos proxectos piloto que ten en marcha. Dunha banda, o piloto de cancro de pulmón, na área sanitaria da Coruña, no cal se lle realizan probas a preto de 300 persoas exfumadoras de 55 a 74 anos. E por outro lado, o piloto de cancro de próstata, na área de Ferrol, que convida a participar a 12.000 homes de 50 a 69 anos.