O CRIBADO AUDITIVO NEONATAL DA XUNTA PERMITE A DETECCIÓN PRECOZ DE MÁIS DE 400 CASOS DE XORDEIRA

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, destacou esta mañá que o Programa Galego para a Detección da Xordeira en Período Neonatal conseguiu detectar de xeito precoz un total de 418 casos desde a súa posta en marcha no ano 2002.
No marco dunha xornada formativa organizada pola Dirección Xeral de Saúde Pública e dirixida ao persoal de enfermería que realiza o cribado auditivo, Pérez Castellanos explicou que desde o inicio deste programa, a Xunta realizou máis de 372.000 probas de cribado en Galicia.
Segundo os datos, a taxa media de hipoacusia infantil en Galicia é de 1,12 casos por cada mil nenos, unha cifra que no ano 2023 ascendeu até os 1,85 casos por mil. Neste senso, o 62 % das hipoacusias bilaterais detectadas iniciaron o seu tratamento antes dos seis meses de idade, tal e como recomenda a evidencia científica para garantir un desenvolvemento óptimo.
A hipoacusia infantil é unha das discapacidades con maior impacto no desenvolvemento da linguaxe e na capacidade de comunicación dos nenos. Así a implantación deste programa de detección temperá realizouse de xeito progresivo ata acadar, no ano 2012, unha cobertura do 100 % dos nacementos en Galicia.
A proba, baseada nos potenciais evocados auditivos automatizados (PEATC-A), permite unha detección fiable antes da alta hospitalaria. Así, Galicia foi pioneira na súa implantación universal, integrando a proba como parte dos coidados neonatais de rutina.
Unha aposta conxunta pola formación e a calidade asistencial
A xornada celebrada esta mañá na Consellería de Sanidade contribuirá a reforzar o coñecemento sobre a realización correcta do cribado, tendo en conta que, ao longo destes máis de 20 anos, a renovación do persoal de enfermería foi significativa. Resulta axeitado lembrar os procedementos, criterios e pautas que aseguren a calidade destas probas.
A xornada contou coa participación de especialistas como Lizeth Páez, Ramón Vizoso e Patricia Tedesco e incluíu contidos sobre a evolución da hipoacusia, os seus factores de risco, os procedementos clínicos e as novidades tecnolóxicas. Ademais, tamén se desenvolveu un obradoiro para reforzar a parte práctica da proba.
“É fundamental manter actualizado o coñecemento do persoal e asegurar que a proba se realiza con rigor e precisión, porque un erro pode atrasar un diagnóstico vital”.
Un compromiso que empeza ao nacer
O programa é un exemplo de política pública baseada na prevención, na equidade e na evidencia científica.
A implicación dos profesionais sanitarios, especialmente do persoal de enfermería, é clave para garantir que cada neno ou nena que nace en Galicia teña acceso a unha oportunidade de vida en igualdade de condicións, sexa cal sexa o lugar onde nace.
A Consellería de Sanidade lembra que a hipoacusia, cando se detecta a tempo, pode tratarse eficazmente, mellorando o desenvolvemento cognitivo, social e emocional dos menores, e evitando atrasos significativos na linguaxe e na comunicación.