A REDE GALEGA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE NA POBOACIÓN XITANA IMPULSADA POLA XUNTA ORGANIZA UNHA ANDAINA SAUDABLE CON MOTIVO DO 600 ANIVERSARIO DA PEREGRINACIÓN DESTE POBO A SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Rede galega de promoción da saúde na poboación xitana, constituída o pasado ano por iniciativa da Consellería de Sanidade, está a organizar unha andaina que fomente unha vida activa e que, á súa vez, conmemore o 600 aniversario da presenza do pobo xitano en España, con motivo da súa peregrinación ao sepulcro do Apóstolo Santiago.
En próximas datas realizarase unha andaina de 5 km que percorrerá o último tramo do Camiño Francés, desde o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro.
A Rede galega de promoción da saúde na poboación xitana xorde das medidas do Plan Obesidade Zero en Galicia que está a desenvolver a Dirección Xeral de Saúde Pública. Desta forma, en 2024 creouse a figura da promotora de saúde na comunidade xitana, unha por área sanitaria.
Nos últimos meses as promotoras superaron unha formación en hábitos de vida saudables como a alimentación equilibrada, a práctica regular de actividade física e a redución de condutas de risco.
Actualmente esta rede está a realizar unha enquisa de saúde na comunidade xitana que agarda acadar os 600 participantes.
Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa FSE+ de Galicia 2021-2027.