Pasar al contenido principal

A XUNTA PRESENTA OS SEUS PROXECTOS DE VIDA SAUDABLE NO XXIII CONGRESO NACIONAL DE MEDICINA PREVENTIVA EN PAMPLONA

Imaxe
20250621_REGAPS_Congreso_Nacional_Medicina_Preventiva1_20250621114303.jpg

A Xunta presenta en Pamplona, no marco do XXIII Congreso Nacional de Medicina Preventiva, os seus proxectos para a promoción dunha vida saudable.

Representantes da Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS) da Consellería de Sanidade veñen de participar neste encontro celebrado durante os últimos tres días na cidade de Pamplona. 

Organizado pola Sociedade Española de Medicina Preventiva, Saúde Pública e Xestión Sanitaria, entre os días 18 e 20 de xuño, a capital navarra foi o escenario escollido para compartir as últimas novidades vinculadas aos campos da vacinación, a alimentación, a bioseguridade ou a incorporación da intelixencia artificial ao campo da prevención da saúde.

Durante a súa intervención no congreso, a delegación galega presentou a ferramenta Living Healthy Tool ou Vivir Saudable, un recurso artellado polo Proxecto Europeo Health4EUKids co obxectivo de avaliar de maneira específica os aspectos contextuais que inflúen no sobrepeso e a obesidade infantil: ambientais, escolares, sanitarios, familiares, emocionais e comunitarios/sociais. 

A Subdirección Xeral de Estilos de Vida Saudables empregou este recurso no proxecto que está a desenvolver no Concello de Ponteareas para promover hábitos alimentarios saudables entre a poboación moza desta localidade. Así,  Living Healthy Tool posibilitou realizar unha análise cualilativa, cuantitativa e participativa dos 158 alumnos de 5º e 6º curso de educación primaria que participaron neste proxecto, ademais da elaboración dun plan de acción axeitado á realidade da poboación.

Atopa Saúde, máis de 4.000 recursos saudables

Outras das iniciativas presentadas pola Rede Galega de Promoción da Saúde foi a ferramenta Atopa Saúde, na que o Observatorio de Saúde Pública de Galicia achega un mapa de activos en saúde da comunidade. 

Este mapa en liña conta con máis de 4.000 recursos validados e 692 actividades que fomentan os estilos de vida saudables e que se distribúen polos concellos galegos,  mellorando así a capacidade das persoas para manter e soster a súa saúde e benestar e facilitando estratexias comunitarias para promover a prescrición social. ​