Pasar al contenido principal

GÓMEZ CAAMAÑO SALIENTA O COMPROMISO DE 85 CONCELLOS NA LOITA CONTRA O TABACO, QUE ELEVA ATA 249 AS PRAIAS GALEGAS SEN FUME

Imaxe
20250718_Conselleiro_Sanidade_entrega_diplomas_praias_sen_fume2_20250718131354.jpg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou o compromiso de 85 concellos da comunidade na loita contra o tabaco, cifra que eleva ata 249 as praias galegas sen fume.

O titular da carteira sanitaria, acompañado do delegado territorial da Xunta, Agustín Reguera, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, interveu no acto de recoñecemento a todos os municipios polo esforzo levado a cabo para a protección da saúde e preservación do medio ambiente.

Na súa intervención, o conselleiro felicitou aos 48 municipios que hoxe reciben o diploma na categoría de ouro, por declarar todos os areais do seu concello como espazos libres de fume, así como a todos os que forman parte da rede galega de Praias sen fume, pola súa contribución á difusión desta cultura de respecto e coidado.

Destes 48 municipios galardoados na categoría de ouro, 17 son da provincia da Coruña, 10 da de Lugo, 8 de Ourense e 13 de Pontevedra.

Iniciativa pioneira

A iniciativa Praias sen Fume, posta en marcha de xeito pioneiro pola Dirección Xeral de Saúde Pública en 2016, iniciouse con 19 concellos e 26 praias. Na actualidade, o crecemento é considerable aglutinando 249 praias e 85 concellos, o que supón un fito moi positivo para a saúde de Galicia.

Gómez Caamaño incidiu en que, promovendo estes espazos libres de fume, limítase o consumo de tabaco en lugares públicos e ofrécese unha contorna máis limpa e saudable para todos, ademais de coidar o medio ambiente e lanzar a mensaxe clara de que vivir sen tabaco é posible.

O conselleiro remarcou que a mocidade está exposta ás novas modas de consumo tabáquico como son os vapeadores e os cigarros electrónicos, presentadas como inofensivas cando non o son. Neste senso, Gómez Caamaño puxo en valor o programa da Xunta Clases sen Fume, de gran valor pedagóxico.

O titular do departamento sanitario incidiu en que a Xunta reforzará todas estas medidas mediante a aprobación, nas vindeiras semanas, da Lei de protección da saúde de menores e prevención das condutas adictivas.

O conselleiro remarcou que Galicia é referente na promoción de praias fluviais como espazos de ocio e benestar saudable. Na actualidade, son 39 praias fluviais as que forman parte da rede.

Referiu, ademais, que a iniciativa de Praias sen Fume ampliouse aos portos e aos parques sen fume.

Novo centro de saúde para Ponteareas

Gómez Caamaño agradeceu ao Concello de Ponteareas  o acoller o acto de hoxe.

Lembrou o  compromiso da Xunta  de construír un novo centro de saúde no municipio que dará asistencia a máis de 40.000 persoas. 

Ao respecto, o conselleiro explicou que a Xunta e o Concello están a avanzar nos trámites urbanísticos e amosouse confiado en que pronto estean culminados para impulsar xa a redacción do proxecto.

Concellos de ouro

A relación dos concellos que posúen a categoría de ouro (100 % de areais libres de fume) na iniciativa de Praias sen fume son:

• Na provincia da Coruña: Cedeira, Cabanas, Corcubión, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo, Valdoviño, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Malpica de Bergantiños e Muros.

• Na provincia de Lugo: Barreiros, Cervo, Begonte, Castro de Rei, Chantada, Cospeito, Mondoñedo, Outeiro de Rei, O Saviñao, O Vicedo.

• Na provincia de Ourense: Bande, Avión, Castro Caldelas, Vilariño de Conso, Beariz, Laza, A Veiga e Castrelo de Miño.

• Na provincia de Pontevedra: Cerdedo-Cotobade, Lalín, A Guarda, Baiona, Ponteareas, Pontecaldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilaboa, Mondariz, Catoira e A Lama.