Pasar al contenido principal

MÁIS DO 67 % DOS CANCROS DE PRÓSTATA DETECTADOS CO PROXECTO PILOTO DE CRIBADO IMPULSADO POLA XUNTA NA ÁREA SANITARIA DE FERROL IDENTIFICOUSE EN FASES INICIAIS

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

O proxecto piloto de cribado de cancro de próstata posto en marcha pola Xunta na área sanitaria de Ferrol e baseado na estratificación do risco detectou o 67,5 % dos casos en fases iniciais, logo de transcorrido un ano da posta en marcha desta iniciativa.

O obxectivo deste proxecto, coordinado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, é mellorar o diagnóstico precoz desta enfermidade que causa 500 mortes ao ano na comunidade, así como valorar a extensión desta iniciativa ao resto de Galicia.

Entre xuño de 2024 e xuño de 2025, o departamento de Saúde Pública da Xunta enviou 12.000 invitacións a participar e preto de 5.000 homes aceptaron, o que supón unha participación do 41,4 %. Con todo, seguiranse enviando invitacións, arredor de 9.000 máis, polo menos, ata marzo de 2026.

Ata o 1 de setembro, 4.331 homes (o 47 % de idades entre 50-59 anos e o 53 % entre 60-69 anos) xa dispoñen de resultado da medición do antíxeno prostático (PSA). Do total de participantes con proba primaria realizada, o 9,13 % teñen un PSA superior a 3 (423); e o 4,6 % de entre 50 e 59 anos e o 13,5 % de entre 60 e 69 teñen o antíxeno prostático elevado. 

Despois de levar a cabo a primeira estratificación do risco a 414 homes, 166 (o 40,1 %) presentan un risco alto/intermedio, para os cales se ten indicado a realización dunha resonancia magnética. 

Dos 153 homes con resultados de resonancia magnética ata o momento, un total de 91 teñen indicado a realización de biopsia.

Das 65 biopsias realizadas que dispoñen de resultado de anatomía patolóxica, 40 son cancros de próstata, o que supón un valor preditivo positivo da indicación de biopsia do 61,54 % para cancro. 

Dos 40 pacientes con cancro de próstata, o 67 % correspóndense con estadios precoces.

A estratificación do risco parece, pois, reducir o número de homes que se someten a unha biopsia e aumenta o valor preditivo da resonancia magnética. 

Metodoloxía

Este proxecto que está a levar a cabo a Xunta realízase mediante a estratificación individualizada do risco de padecer cancro de próstata, o que se espera que permita conseguir unha detección precoz e minimizar á vez efectos adversos, como o sobrediagnóstico e o sobretratamiento de lesións con baixo potencial de evolucionar ao longo da vida.

Como proba primaria de cribado, os homes son convidados a realizar unha determinación do antíxeno prostático (PSA), tomando a mostra nos seus respectivos centros de saúde.

Se o valor está dentro da normalidade, a participación conclúe, pero se é alto, séguese un algoritmo clínico en que o participante pode ser avaliado nunha consulta de uroloxía en poucas semanas, onde se realizan probas complementarias, estimándose o risco usando as calculadoras europeas validadas. 

En función dos achados, se se considera necesario, secuencialmente prográmanse outras probas máis específicas, como unha resonancia magnética urolóxica ou mesmo unha biopsia.

Proxecto Europeo

O cribado de cancro de próstata posto en marcha pola Xunta na área sanitaria de Ferrol enmárcase no proxecto europeo PRAISE-U, co que se pretende mellorar o diagnóstico precoz desta enfermidade, reducir os falsos positivos que se detectan cos controis actuais e diminuír tratamentos innecesarios. 

Galicia foi a primeira rexión en dar comezo ao proxecto, no que tamén participan Cataluña, Lituania, Polonia e Irlanda.

Ademais, o proxecto investiga o impacto psicosocial e as percepcións dos participantes sobre o cribado que inclúe diversas probas que se realizan para estratificar o risco en función do resultado previo da análise sanguínea.

O proxecto PRAISE-U conta cun financiamento total de máis de 12 millóns de euros, dos cales 1.362.000 euros se corresponden co piloto que se desenvolve en Ferrol. Este proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, a través do Programa Horizonte 2021-2027.