Pasar al contenido principal

SANIDADE APOIA A XORNADA DE LECER EDUCATIVO INTERXERACIONAL PARA PROMOVER HÁBITOS DE VIDA SAUDABLES

Imaxe
20251119_Cartel_Xornada_lecer_educativo_20251119104827.png

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, apoia a xornada de lecer educativo interxeracional que se celebrará en Santiago de Compostela, nas dependencias de Área Central, para promover hábitos de vida saudables. Trátase dun evento singular que combina cultura, educación, saúde e lecer familiar, co obxectivo de xerar un impacto positivo e duradeiro na sociedade galega.

Este encontro, con entrada libre e con horario na tarde do venres (16,30 h. a 20,30 h) e ao longo de todo o sábado (10 h. a 20,30 h.), nace coa vocación de se converter nunha cita anual de referencia a nivel estatal. Trátase dun modelo de lecer educativo e interxeracional que promove hábitos de vida saudables, benestar emocional e cohesión social.

Ao longo das dúas xornadas, abertas a todas as idades, ofreceranse espazos para xogar en familia, así como charlas de expertos sobre a materia.

Estas dúas xornadas reflicten o compromiso institucional coa promoción da saúde mental e relacional, incidindo na sensibilización fronte ao abuso de pantallas e a prevención de adiccións sen substancia e riscos dixitais.

Cómpre lembrar, así mesmo, que a Xunta vén de aprobar o proxecto de Lei de protección da saúde dos menores e prevención de condutas adictivas, que na actualidade está en tramitación parlamentaria de cara á súa aprobación definitiva.

Obxectivos

A programación do evento inclúe obradoiros, espazos e actividades centradas no ocio saudable, a saúde emocional e familiar, o autocoidado e a prevención de condutas de risco.

Estes contidos estarán desenvolvidos en colaboración con profesionais da saúde e da educación, promovendo un enfoque positivo e participativo sobre o benestar.

Nun contexto no que a saúde mental, especialmente da infancia e adolescencia, é unha prioridade social, o evento incluirá espazos seguros e actividades para traballar a xestión emocional, a autoestima e as relacións familiares saudables, contribuíndo á prevención e sensibilización neste eido.

A participación activa de familias, educadores, entidades sociais e sanitarias crea unha oportunidade única para achegarse á cidadanía nunha contorna atractiva, accesible e de confianza, e transmitir os valores dos xogos de mesa como alternativa aos xogos dixitais.

Remarcar que o uso compulsivo da tecnoloxía pode constituír un problema de saúde pública (ciberacoso, abusos, ciberdelitos, adiccións sen substancia, pornografía, mercantilización de datos das persoas menores, falta de pensamento crítico, etc), e unha das medidas para evitalo constitúe o ofrecemento de asesoramento, información e formas de ocio alternativas, como o xogo tradicional.

Deste xeito, considérase axeitado un modelo de lecer educativo e interxeracional como alternativa ao ocio baseado en pantallas.