A XUNTA CONVOCA AS SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES DE PREVENCIÓN DE CONDUTAS ADICTIVAS REALIZADAS POR CONCELLOS E ENTIDADES LOCAIS, ÁS QUE DESTINA MÁIS DE 2,5 MILLÓNS DE EUROS
A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos, dotadas cun orzamento de 2.588.866 euros.
Co obxectivo de diminuír o impacto sanitario e social dos trastornos adictivos, a Consellería de Sanidade incrementa a contía máxima financiable por proxecto ata os 30.000 euros, fronte aos 25.000 euros anteriores.
Este novo programa de subvencións estenderase ata o ano 2028 co fin de permitir desenvolver intervencións sostidas no tempo, máis eficaces, e para facilitar unha maior estabilidade dos equipos humanos implicados nos proxectos.
A convocatoria incide tamén na promoción dos estilos de vida saudables e do tempo de lecer positivo entre a mocidade.
O consumo de substancias e as adiccións representan actualmente un reto sanitario de primeiro nivel. Así, a Xunta colaborará coas entidades locais que desenvolvan actividades vinculadas aos programas inseridos no Plan de Galicia sobre Drogas (Saúde na Escola, Activa, Máis que un teito, Ao alcance, etc...), aos plans de inspección autonómicos, ou aqueles que actúen como nexo de unión entre as diferentes entidades implicadas no ámbito da prevención (centros educativos, sanitarios, sociais, entidades veciñais, etc.).
Os programas susceptibles de seren subvencionados deberán, entre outros obxectivos, fomentar factores de protección fronte ás adiccións; promover estilos de vida saudables e lecer positivo entre a xuventude; apoiar as familiar, educadores e distintos colectivos como axentes de saúde; ou reforzar o traballo en rede entre entidades e institucións.
Ábrese o prazo dun mes a partir de mañá para a presentación de solicitudes.
Esta nova liña de axudas complementa outras accións promovidas pola Xunta como o Proxecto de Lei de protección da saúde das persoas menores e a prevención das condutas adictivas, que está agora mesmo en tramitación parlamentaria; a implementación do Plan Inspira Saúde (2023-27) fronte ao tabaquismo; ou a Rede galega de espazos sen fume.