O CRIBADO DE CANCRO COLORRECTAL DETECTOU 396 CASOS EN OURENSE CASE O 70% EN FASES INICIAIS
O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro Colorrectal permitiu diagnosticar 396 casos na provincia de Ourense, desde a súa implantación, en 2015, ata decembro de 2024, deles o 69,44 % detectáronse en estadios iniciais, mellorando as posibilidades de tratamento e supervivencia.
De acordo co último informe do programa de cribado, que ven de publicarse, en Ourense 203 dos casos diagnosticáronse en estadio I e 72 en estadio II, 100 en estadio III e 21 en estadio IV. Case 4 puntos porcentuais máis de casos en estadío inicial que na media de Galicia (65,81%), abríndo unha ventá de oportunidade para o tratamento.
En Ourense convidouse a participar a 86.672 persoas que constitúen o grupo diana do cribado entre 50 e 69 anos (42.097 homes e 44.575 mulleres), das que 42.828 aceptaron a invitación e realizaron a proba, o que sitúa a participación en cifras próximas ao 50%. Maior en mulleres (53,39 %) que en homes (45,24 %). Subíndo a participación global en 2024 ata o 55,3%
No conxunto de Galicia, desde o inicio do programa enviáronse 2.578.835 invitacións válidas e participaron 1.269.416 persoas, o que representa unha participación global do 49,20%, cun incremento progresivo ata o 56,51 % no ano 2024.
Menor participación masculina pese a un maior risco
Os datos do programa evidencian unha menor participación dos homes fronte ás mulleres (45,44 % en Galicia), unha tendencia que tamén se reproduce en Ourense.
Esta menor implicación resulta especialmente relevante, se se ten en conta que os homes presentan unha maior taxa de positividade nas probas, e unha maior incidencia de lesións e cancros detectados, polo que son tamén os que máis se benefician da participación no cribado.
A quen vai dirixido o cribado e por que é clave
O cribado está dirixido a homes e mulleres de entre 50 e 69 anos, xa que é a partir destas idades cando aumenta de forma significativa o risco de desenvolver cancro colorrectal.
O programa baséase nunha proba sinxela —a detección de sangue oculto nas feces— que permite identificar lesións precursoras ou tumores en fases iniciais, antes de que aparezan síntomas. A evolución lenta deste cancro, que pode desenvolverse ao longo de anos a partir de pólipos, fai posible actuar a tempo e mesmo previr a súa aparición mediante a súa extirpación durante a colonoscopia.
Desde o seu inicio, o programa galego permitiu detectar 2.933 cancros colorrectais e máis de 26.000 lesións que requiren seguimento, contribuíndo tanto ao diagnóstico precoz como á prevención.
Síntomas e prevención: a importancia de participar
O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente no conxunto da poboación e un dos que presenta maior impacto en termos de mortalidade. En Galicia, causou máis de 1.000 falecementos no ano 2023, sendo o segundo tumor en mortalidade en ambos os sexos.
A enfermidade pode non dar síntomas nas fases iniciais, pero pode manifestarse con sangue nas feces, cambios persistentes no ritmo intestinal, dor abdominal, cansazo ou perda de peso.
Ademais de manter hábitos saudables e evitar os nocivos, a participación no cribado é a medida máis eficaz para reducir a mortalidade, xa que permite detectar a enfermidade antes de que dea síntomas ou incluso evitala. De feito estímase que estes programas poden reducir a mortalidade entre un 30 % e un 35 %.
Test sinxelo enviado a casa
Desde 2022, a Consellería de Sanidade remite un kit de autotoma de mostras, directamente aos domicilios de toda a poboación á que se dirixe o cribado. Esta decisión de envíalo sen necesidade de trámite previo algún, supuxo un incremento na participación. Pasando dunha media do 49,2%, entre 2013 a 2024, 56,5% acadado no último ano do informe 2024, cun importante salto na participación femenina.
O test de sangue oculta en feces é unha proba moi sinxela de realizar, non invasiva, que non doe nin esixe trasladarse a un hospital, só precisa da recollida dunha mostra na casa, e levala posteriormente de xeito cómodo, discreto e sen esperas no centro de saúde, onde se deposita nunha urna específica, ben sinalizada e á entrada de cada centro.
Se o resultado é negativo, desde a Consellería enviarase de novo o kit de autotoma por correo, para repetir o test aos dous anos, sen necesidade de solicitalo ou realizar calquera xestión.