A XUNTA AUTORIZA O INVESTIMENTO DE 3,4 M€ NA COMPRA DE VACINAS FRONTE AO MENINGOCOCO B CO OBXECTIVO DE INCLUÍR NO CALENDARIO O REFORZO PARA ADOLESCENTES
O Consello da Xunta autorizou esta mañá o contrato para a subministración sucesiva da vacina fronte á meninxite B por un importe de 3.438.240 euros, que inclúe un incremento de 1,8 millóns para facer posible a administración dun reforzo desta vacina aos 12 anos.
Desde hoxe, todos os nenos e nenas que acudan ao centro de saúde á revisión dos 12 anos recibirán xa a nova dose fronte ao meningococo B. Galicia convértese así na primeira comunidade que amplía a protección na adolescencia.
A vacinación fronte a esta enfermidade bacteriana xa estaba prevista no calendario de inmunización aos dous e aos catro meses, máis unha dose de recordo ao facer un ano. Agora, as nenas e os nenos que non teñan esa pauta completa recibirán dúas doses aos 12 anos e, o resto, unha soa dose.
Ademais, ofrécese tamén a menores de 65 anos con ricos de contraer infección de transmisión sexual, porque a vacina confire un grao de protección cruzada fronte ao gonococo. Este beneficio tamén poderá repercutir agora en adolescentes, nunha etapa vital onde as infeccións de transmisión sexual representan un desafío crecente. A protección fronte á gonorrea supón un beneficio secundario de enorme importancia para a saúde pública xuvenil.
Estímase que serán necesarias 57.000 doses anuais para cubrir toda a poboación albo.
O investimento a partir do próximo ano, coa incorporación xa establecida de adolescentes de 12 anos desde xaneiro, pasará a ser aproximadamente de 4.700.000 euros.
Galicia foi pioneira na posta en marcha de medidas contra esta doenza, incluíndo historicamente vacinas como a do meningococo C, ACWY e, máis recentemente, a do meningococo B en lactantes.
A protección da adolescencia constitúe o paso final e necesario para o cumprimento do obxectivo da Organización Mundial da Saúde de derrotar a meninxite como problema de saúde pública en 2030. Ademais, a inclusión da vacina fronte ao meningococo B, preferentemente aos 12 anos, é unha recomendación do Comité asesor de vacinas da Asociación Española de Pediatría.
Situación epidemiolóxica
Segundo os datos de vixilancia epidemiolóxica correspondentes ao ano 2025, en España rexistráronse 144 casos de enfermidade meningocócica por serogrupo B, o que supón unha taxa de incidencia de 0,30 casos por 100.000 habitantes.
En Galicia hai un descenso sostido de casos, sobre todo desde o ano 2000. Este descenso é máis evidente na poboación infantil e xuvenil, compatible co impacto positivo da vacinación na infancia, ademais doutros factores.
Na tempada 2024-2025 detectáronse 11 casos de enfermidade menigocócica polo serogrupo B: 2 casos en menores dun ano, 1 caso de 1-4 anos, 1 caso de 5-9 anos, 2 casos no grupo de 10-14 anos, 1 caso de 25-44 anos, 1 caso de 45-64 anos e 3 maiores de 65 anos.
A transmisión da enfermidade meningocócica invasiva prodúcese a través do contacto directo coas secrecións respiratorias dunha persoa infectada. O meningococo pode colonizar a nasofarinxe de forma asintomática durante períodos prolongados.
Unha proporción relevante da poboación pode ser portadora nasofarínxea en determinados momentos, aínda que menos do 1 % destas persoas desenvolverá finalmente enfermidade invasiva.
A meninxite é unha das enfermidades infecciosas máis graves, cunha mortalidade de arredor do 10 % e secuelas permanentes, como amputacións ou danos neurolóxicos ata no 20 % dos superviventes.
Trátase dunha enfermidade pouco frecuente pero de extrema gravidade, caracterizada por unha evolución rápida e potencialmente mortal. Pode manifestarse principalmente en forma de sepse ou meninxite, aínda que tamén pode dar lugar a outras presentacións clínicas graves, con importantes secuelas a longo prazo nos superviventes, como discapacidade neurolóxica, perda auditiva ou amputacións.