Pasar al contenido principal

A XUNTA ACOLLE UN CURSO DE FORMACIÓN DE CARÁCTER NACIONAL DEDICADO AO CONTROL DA VENDA DE ALIMENTOS POR INTERNET

Imaxe
20260621_Curso_inspeccións_alimentarias_20260619141640.jpeg
 

A Xunta de Galicia acolleu esta semana un curso formativo de carácter nacional dedicado ao control oficial do comercio electrónico de produtos alimenticios, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

Esta formación, impartida pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), reuniu en Galicia aos inspectores e técnicos de todo o territorio nacional no eido da seguridade alimentaria encargados de vixiar a venda de alimentos por internet. 

Entre os relatores figuran especialistas da Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición, representantes do Instituto Galego de Consumo e da Competencia da Xunta de Galicia e membros da Unidade Central Operativa de Medio Ambiente do Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) da Garda Civil, que expuxeron as actuacións de colaboración entre autoridades competentes nas inspeccións de seguridade alimentaria na contorna dixital.

A Consellería de Sanidade promove estas xornadas co obxectivo de incrementar o número de profesionais que desenvolven a súa actividade neste ámbito.

Ao longo de dúas xornadas intensivas, o programa incluíu catro casos prácticos para que o alumnado puidera aplicar de forma directa os coñecementos adquiridos. Abordáronse as inspeccións de páxinas web e aspectos clave da normativa sobre comercio electrónico de alimentos ou ferramentas para investigacións na internet.


Un marco normativo en actualización

A celebración da segunda edición deste curso reflicte a crecente importancia do comercio electrónico na distribución de produtos alimenticios e a necesidade de dotar ás administracións públicas de ferramentas actualizadas para garantir o cumprimento da normativa de seguridade alimentaria na contorna dixital.