Pasar al contenido principal

A XUNTA INFORMA DE QUE O CASO DE HANTAVIRUS PERMANECE ILLADO EN GALICIA E SEN SÍNTOMAS

Imaxe
20260807_Dir_Xeral_Sanidade_Hantavirus-4_20260807153821.jpg


A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, informou este mediodía de que o paciente de hantavirus atendido en Francia permanece illado en Galicia e sen síntomas.

A directora xeral transmitiu unha mensaxe de tranquilidade durante unha comparecencia ante os medios de comunicación na que estivo acompañada pola directora do Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades, Marta Piñeiro, e pola médica preventivista e técnica do Servizo de Vixilancia Epidemiolóxíca da Consellería, María Otero.

En concreto, Carmen Durán insistiu en que, no momento en que o caso viaxou a Galicia, xa non presentaba síntomas desde a semana anterior, e que o hantavirus é pouco transmisible entre persoas e, de selo, o risco cando non hai síntomas é moi baixo.

Explicou que desde a Consellería de Sanidade se activou o protocolo para esta enfermidade e que os contactos identificados son só dúas persoas do ámbito familiar, que tamén están asintomáticas.

Tras unha reunión esta mañá con técnicos e responsables do Ministerio de Sanidade, a directora xeral de Saúde Pública da Xunta informou das medidas acordadas no marco do protocolo fixado ante casos de hantavirus. 

Por unha banda, a persoa que deu positivo en Francia permanecerá illada en Galicia e a Consellería de Sanidade realizaralle unha proba PCR para confirmar que xa é negativo ao virus e darlle, no seu caso, a alta epidemiolóxica. 

Por outro lado, os dous contactos estreitos deberán realizar unha corentena de 42 días, coincidindo co período de incubación deste virus. Desta forma, descartarase o contaxio. Ademais, como indica o protocolo de vixilancia epidemiolóxica, tamén se realizan as probas PCR aos contactos estreitos.

A directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Carmen Durán, rematou a súa comparecencia cunha mensaxe de tranquilidade e confianza no labor de control epidemiolóxico do Goberno galego. Ao mesmo tempo, remarcou a coordinación entre a Xunta, o Goberno central e as autoridades francesas, como administracións implicadas na xestión do caso, co fin de realizar o control epidemiolóxico e tomar as medidas máis garantistas.