Ir o contido principal

Zonas de baño

Mapa de zonas de baño

Defínense augas de baño como calquera elemento de augas superficiais onde se prevexa que se poida bañar un número importante de persoas ou exista unha actividade próxima relacionada directamente co baño e no que non exista unha prohibición permanente de baño, nin se formulase unha recomendación permanente de absterse deste e onde non exista perigo obxectivo para o público.

A vixilancia sanitaria das zonas de baño lévase a cabo mediante a inspección e mostraxe periódicas da auga das zonas de baño incluídas no censo realizadas polo corpo de farmacéuticos inspectores de saúde pública durante a tempada de baño, que se establece dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro, agás nalgunhas zonas de baño con características especiais. Nestas mostras, analízanse os parámetros microbiolóxicos Escherichia coli e Enterocos intestinais no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia.

Ao final da tempada de baño, cos datos obtidos nesa tempada ou cos resultados das tres tempadas de baño anteriores, calcúlase a clasificación sanitaria da auga de baño que pode ser excelente, boa, suficiente e insuficiente. Esta clasificación establécese, mediante un sistema de cálculo que se describe na lexislación vixente, ao final da tempada de baño e aplícase na seguinte tempada. Recoméndase non bañarse nas augas de baño con clasificación sanitaria insuficiente.