Ir o contido principal

A AMPLIACIÓN DA IDADE DO PROGRAMA DE CRIBADO DO CANCRO DE MAMA ATA OS 74 ANOS DEMOSTRA A SÚA EFECTIVIDADE COA DETECCIÓN DE 443 NOVAS LESIÓNS

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

A decisión adoptada pola Xunta de ampliar a idade da poboación diana que pode participar no cribado do cancro de mama está a demostrar a súa efectividade tras a detección de 443 novas lesións oncolóxicas.

En setembro de 2023, a Xunta decidiu ampliar de forma pioneira o rango de idade da poboación diana para participar no programa de detección precoz do cancro de mama ata os 74 anos. Así, durante a primeira rolda de cribado deste grupo etario, a Consellería de Sanidade convidou a participar a un total de 79.422 usuarias, acadando unha participación do 80,6 % (64.020 usuarias).  

Das 64.020 mulleres exploradas, 1.578 foron derivadas á confirmación diagnóstica tras observarse a posibilidade de sufrir algunha lesión de tipo canceríxeno. Finalmente, a realización dunha segunda proba confirmou un total de 443 novos casos.

Cómpre destacar que o 71 % dos novos cancros detectados no tramo de idade 70-74 anos, atópanse en estadíos precoces e non presentan afectación ganglionar superior á observada nas mulleres de 50-69 anos. 

Nesta liña, e seguindo coa comparativa co grupo de idade inmediatamente anterior, 50-69 anos, tamén destaca que a taxa de detección de cancro no grupo 70-74 anos é do 6,92 casos por cada 1.000 mulleres exploradas, unha taxa significativamente superior á obtida no grupo de 50 a 69 anos (4,13 por 1.000 mulleres exploradas). 

A análise deste conxunto de datos apunta que o programa pode ter un maior impacto no grupo de idade de 70 a 74 anos, pois presenta unha maior sensibilidade e diagnostícanse máis cancros en estadíos precoces.

Impacto na mortalidade e supervivencia

No ano 2015, a Consellería de Sanidade estudou a evolución das taxas específicas de mortalidade por cancro de mama nas mulleres galegas durante o período 1980-2012, comparando as taxas de mortalidade esperadas en ausencia de cribado coas taxas reais observadas en presenza de programa de cribado.

Os resultados amosaron que nas mulleres de 50-69 anos (grupo de idade diana do programa) se produciron 910 mortes menos por cancro de mama das esperadas, o que representa una diminución maior do 20 % dos casos observados fronte ao que podería esperarse en ausencia de cribado.

O risco relativo de morrer nos grupos cribados cunha participación baixa (menor do 50 %) redúcese nun 9 %. No entanto, para os grupos cribados cunha participación superior ou igual ao 50 %, o risco redúcese nun 29 %. Este efecto representa un impacto positivo do programa aínda que non pode ser diferenciado totalmente doutros factores, como poden ser, entre outros, as melloras no tratamento do cancro de mama. 

Máis de 30 anos coidando das mulleres galegas

Desde a súa posta en marcha, no ano 1992, o Programa galego de detección precoz do cancro de mama experimentou unha evolución e un crecemento continuo na súa capacidade e nos recursos destinados á atención ás mulleres galegas. 

Así, durante os seus primeiros 30 anos de existencia (1992-2022) este cribado enviou máis de 4 millóns de invitacións realizou 3,3 millóns de exploracións mamográficas e posibilitou a detección de 12.105 cancros.

Mellora constante e dixitalización dos cribados

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, segue a traballar na mellora e optimización deste programa de cribado co obxectivo de reducir a súa mortalidade vinculada a mellorar a calidade de vida das mulleres que o padecen.

Unha das innovacións máis salientables dos programas de cribado tivo lugar no ano 2023, coa dixitalización dos seus procesos de invitación.

Deste xeito, no marco do Programa galego de detección precoz do cancro de mama envíase a cita por SMS ás mulleres que teñen habilitado o teléfono de subscrición co Servizo Galego de Saúde, optando por unha alternativa eficiente, moderna e accesible para comunicarse coas usuarias sin repercutir negativamente na porcentaxe de participación. 

Ademais, tamén se lles informa de que poden obter o resultado no seu centro de saúde a través do profesional de atención primaria, pasado un mes desde a realización da proba.

Cómpre destacar que as usuarias citadas para participar neste cribado poden cambiar a súa cita a través da aplicación Sergas Móbil, no caso de que non poidan acudir nesa data e hora.