GALICIA IMPULSA UN SISTEMA PIONEIRO A NIVEL MUNDIAL PARA A ADQUISICIÓN DE VACINAS EN FUNCIÓN DOS SEUS RESULTADOS EN SAÚDE E DA SÚA EFECTIVIDADE REAL

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que Galicia “vai ser a primeira rexión a nivel mundial” en impulsar un sistema de adquisición de vacinas que teña en conta “os resultados e a efectividade real nos pacientes” do fármaco.
Para iso, o Consello da Xunta autorizou esta mañá a sinatura do acordo para a primeira compra de vacinas fronte á gripe de alta carga na modalidade de acordo de risco compartido, que se basea en acadar resultados en saúde e que permite axustar o prezo das vacinas en función da súa capacidade para reducir as hospitalizacións. “Vanse destinar máis de 7,2 millóns de euros a esta compra”, indicou o presidente.
Esta adquisición supón un novo fito para o sistema sanitario público galego, ao tratarse da primeira compra de vacinas reforzadas en que se terán en conta os resultados en saúde que se obteñan na nosa comunidade, en termos de diminución no número de hospitalizacións por gripe ou pneumonías derivadas dela, en comparación coa vacina estándar (tetravalente).
O sistema sanitario público galego será, deste xeito, o primeiro a nivel mundial en adquirir este tipo de terapias de inmunización en función do valor real que achega á poboación, dos seus resultados en saúde e á efectividade demostrada para reducir as hospitalizacións.
Galicia pode abordar este modelo de contratación pioneiro grazas á implantación, hai xa catro anos, dunha liña de traballo en materia de saúde pública dedicada á investigación traslacional, na cal se engloba o ensaio clínico pragmático coa vacina de alta carga GALFLU.
Así mesmo, o alto nivel de dixitalización que posúe o sistema de saúde galego posibilita a análise, a investigación e a comparativa de resultados dun xeito áxil.
A sanidade galega destaca a nivel internacional polas súas medidas pioneiras en prevención, dando agora un salto cualitativo e innovador nos modelos de xestión para adquisición de vacinas. Así, tal e como explicou Rueda, con esta medida, Galicia “segue a dar pasos pioneiros para reforzar o calendario de vacinación” que xa é o mais completo do mundo.
Vacina reforzada, ampliación da poboación albo
Rueda explicou que esta nova contratación leva consigo tamén a ampliación da poboación diana a que se lle subministra a vacina antigripal reforzada de alta carga e, a partir da vindeira campaña, inmunizarase tamén a poboación xeral con idades comprendidas “entre os 70 e os 79 anos”.
Ata o de agora, a vacina reforzada fronte á gripe estaba a ser administrada a persoas de 60 ou máis anos con praza en centro sociosanitario e á poboación xeral de 80 e máis anos. Agora rebaixarase a idade, inmunizando tamén coa vacina de alta carga fronte á gripe as persoas entre os 70 e os 79 anos.
Deste xeito, a poboación albo incrementarase en 220.000 persoas, pasando das 320.000 actuais ata as 540.000 persoas.
A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, avoga por incrementar a protección das persoas maiores e, pola súa vez, pola innovación e a posta en marcha de programas baseados en valor e resultados en saúde.
Nesta liña, o compromiso da Xunta coa prevención mantense firme, ao multiplicar por 2,4 o orzamento destinado ao Programa galego de vacinación nos últimos anos, pasando dos 16,6 millóns de euros investidos en 2020 aos 41 millóns de euros do presente exercicio.
Acordos de risco compartido
O cambio de paradigma nas terapias para inmunización fai necesaria unha xestión innovadora baseada en acordos de risco compartido que teñan en conta os resultados en saúde.
Neste senso, os acordos de risco compartido son modalidades de contrato individuais entre un fabricante (industria farmacéutica) e un comprador público ou privado, en virtude do cal os prezos non só dependen das unidades vendidas, senón tamén da consecución dunha serie de obxectivos previamente acordados en termos de efectividade, eficiencia e/ou impacto orzamentario. Deste xeito, os riscos financeiros e clínicos distribúense entre os fabricantes e o comprador, promovendo unha corresponsabilidade nos resultados obtidos.
Na actualidade existen dúas modalidades principais de acordos de risco compartido. Por unha banda, a modalidade na que se axusta o prezo dos produtos en función da cantidade que se adquirirá e, pola outra, un tipo de acordo onde o financiamento dun produto ou tecnoloxía está vinculado á obtención de resultados en saúde concretos e predefinidos.
Malia existiren experiencias de acordos de risco compartido vinculadas, sobre todo, ás terapias oncolóxicas e ás enfermidades raras, ata o de agora non existía ningunha no ámbito das terapias de inmunización. Así, o sistema sanitario público galego pasa a ser o primeiro do mundo en realizar unha compra de vacinas mediante esta modalidade de contrato baseado nos resultados en saúde.