Ir o contido principal

A XUNTA LICITA POR MÁIS DE 44.000 EUROS O SERVIZO DE TRANSPORTE PARA PARTICIPAR NO PROGRAMA GALEGO DE DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO DE MAMA

Imaxe
Portal_de_contratos_20250415170819.png

A Xunta, a través da Consellería de Sanidade, publicou no Portal de Contratos Públicos a licitación, por importe de 44.866 euros, do servizo de transporte ás unidades de exploración mamográfica para participar no Programa galego de detección precoz do cancro de mama. 

As empresas interesadas nesta licitación teñen de prazo ata o 30 de abril para presentar as súas ofertas.

A contratación abrangue os traslados de ida e volta desde os municipios limítrofes á Unidade de Exploración de Lugo, emprazada no centro de saúde da praza de Ferrol; e os traslados de ida e volta desde os municipios limítrofes á Unidade de Exploración de Ourense, sita no Departamento Territorial de Sanidade de Ourense.

O servizo efectuarase en horario de mañá e/ou tarde, comezando á hora necesaria para que as usuarias do programa se atopen nas dependencias onde se localizan as unidades de exploración mamográfica: ás 8,45 horas da mañá e ás 15 horas da tarde, terminando no momento no que as últimas usuarias exploradas volvan ás súas paradas de orixe, tendo en conta que as exploracións finalizan ás 14,30 horas pola mañá e ás 20,30 horas pola tarde.

Esta contratación xa se licitou para outras áreas sanitarias de Galicia, prevéndose por parte da Consellería proceder no futuro á súa unificación. 

Estrutura do programa

Cómpre remarcar que unha das áreas claves da actuación sanitaria da Consellería de Sanidade é a prevención e o diagnóstico precoz do cancro, polo que desde novembro de 1992, a Dirección Xeral de Saúde Pública desenvolve o Programa galego de detección precoz do cancro de mama, coa fin de reducir a mortalidade prematura que ocasiona, facendo, na actualidade, unha intervención preventiva nas mulleres de entre 50 e 74 anos.

A estrutura asistencial do programa está formada polas unidades de exploración mamográfica. Esta iniciativa da Xunta iniciouse cunha unidade de exploración e progresivamente fóronse incorporando novas unidades ata acadar as 16 existentes actualmente.

A efectividade e eficiencia do programa depende directamente do grao de participación das mulleres. A dita participación debe facilitarse mediante unha boa accesibilidade das usuarias a esas unidades de exploración, para o que se mantén un servizo de autobuses para os traslados desde os diferentes municipios ata as unidades de exploración e viceversa.

Este programa, que acada unha participación superior ao 80 %, xa posibilitou que se convidara a participar a preto de 245.000 mulleres e que foran exploradas máis de 205.000. 

Así mesmo, entre os anos 1992 e 2023 o programa detectou máis de 12.000 cancros, moitos dos cales estaban en estadíos precoces.