Cancro de Cérvix
A Consellería de Sanidade ten en marcha o Programa galego de detección precoz do cancro de cérvix.
O Programa vai destinado ás mulleres de 35 a 65 anos e consiste na realización dun test para detectar infección polo virus de papiloma humano (VPH), causa principal deste cancro. A participación é voluntaria e gratuíta pero é importante para a súa saúde.
O cancro de cérvix continúa a ser un importante problema de saúde pública, malia ser unha enfermidade altamente prevenible grazas á detección precoz e á vacinación fronte ao VPH. En Galicia, o programa de cribado poboacional do cancro de cérvix avanza no seu desenvolvemento e consolidación, incorporando progresivamente a proba do Virus do Papiloma Humano de alto risco e estratexias innovadoras de captación e seguimento das participantes.
Esta sección do Observatorio de Saúde Pública de Galicia presenta os principais indicadores e resultados do programa, incluíndo a participación da poboación diana, a cobertura alcanzada, a calidade das probas realizadas, así como os achados citolóxicos e virolóxicos. Ademais, ofrécese información sobre a evolución temporal das taxas de detección de lesións precancerosas e doutros indicadores clave que permiten avaliar o impacto sanitario da intervención.
A posta a disposición destes datos contribúe á transparencia, facilita a avaliación do rendemento do programa e serve de referencia para a toma de decisións orientadas á mellora continua, co obxectivo último de reducir a incidencia e mortalidade por cancro de cérvix en Galicia.
PARTICIPE NO PROGRAMA A TRAVÉS DO SEGUINTE ENLACE USANDO O SEU CÓDIGO: www.sergas.gal/pccx-acepta
PARTICIPACIÓN MODALIDADE AUTOTOMA: Se xa aceptou participar escollendo a modalidade de “Autotoma” debería recibir un dispositivo no seu domicilio para a recollida da mostra, a cal pode facer vostede mesma de maneira moi sinxela seguindo as seguintes instrucións
PARTICIPACIÓN MODALIDADE CITA CON MATRONA: Se xa aceptou participar escollendo a modalidade de “Cita con matrona” e aínda non dispón da mesma, pode escoller a data que mellor se adapte á súa preferencia a través da web de cita previa do SERGAS https://cita.sergas.gal/ ou mediante a app SERGAS MÓBIL
No caso de embarazo recoméndase realizar o cribado, durante o primeiro trimestre da xestación, con toma de mostra por parte dun profesional sanitario (matrona). Non se recomenda o uso de dispositivos de autotoma. No caso de atoparse no 2º ou 3º trimestre do embarazo, recomendámoslle que se poña en contacto co Programa (infocervix@sergas.es) para pospoñer a invitación ata aproximadamente 4 meses despois do parto.
No caso de parto ou aborto recente, non é preciso realizar a proba ata pasado 4 meses. Nese caso, recomendámoslle que se poña en contacto co Programa para pospoñer a invitación ata cumprido dito prazo.
INFORMACIÓN DO PROGRAMA
Indicadores e datos de Supervivencia
Indicadores e datos de Incidencia
Indicadores e datos de Mortalidade
Mais información sobre o Programa galego de detección precoz do cancro de Cérvix
Se ten algunha dúbida ou precisa máis información, pode trasladarnos as súas peticións a través de dito enderezo electrónico infocervix@sergas.es