Rexistro de Mortalidade de Galicia
O Rexistro de Mortalidade de Galicia
O Rexistro de Mortalidade de Galicia (RMG) é elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e rexistra tanto as defuncións de persoas con residencia en Galicia como as producidas no territorio galego de non residentes. A información relativa ás defuncións acontecidas entre a poboación galega recompílase e analízase, permitindo coñecer as tendencias temporais, as diferenzas territoriais e as principais causas de morte.
Este rexistro comezou o seu funcionamento cos datos de mortalidade do ano 1987. A información relativa aos anos previos procede do Instituto Nacional de Estatística (INE) e foi incorporada á base de datos do Rexistro, dando cobertura temporal ao período 1980-1986. Cada un dos falecementos aquí recollidos dispón de información sociodemográfica e sanitaria relacionada coa morte, procedente na súa orixe do boletín estatístico de defunción e do certificado médico de defunción que cobre o médico certificador. Esta información permite identificar a causa básica da morte, codificada segundo a CIE-9 (ata 1998) e CIE-10 (desde 1999), que se emprega para as estatísticas elaboradas segundo causas de defunción, polo que a calidade dos datos de partida cumpre que sexa máxima.
A mortalidade constitúe un indicador fundamental á hora de valorar o estado de saúde dunha poboación, así como para reflectir o seu nivel social, económico e sanitario. As taxas específicas, brutas e axustadas, xunto coa esperanza de vida, permiten cuantificar a situación actual da poboación galega e analizar a evolución temporal da mortalidade.
A información que se presenta a continuación resume os principais resultados correspondentes ao ano 2023, con datos dispoñibles ao longo do período 1980–2023.
Número total de defuncións
Taxa bruta de mortalidade en mulleres
Taxa bruta de mortalidade en homes
Mortalidade en función do grupo de idade e sexo (2023)
En 2023 rexistráronse 32.730 defuncións en Galicia, cunha taxa bruta de 1.212,48 por 100.000 habitantes e unha taxa axustada (pola poboación estándar europea) de 766,59. A mortalidade foi superior nos homes (1.005,74 axustada) que nas mulleres (585,36).
| Período | Ámbito | Código espazo | Espazo | Sexo | Causa | Grupo idade | Defuncions |
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Homes | Todas as causas | Total | 16.296 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Mulleres | Todas as causas | Total | 16.434 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Todas as causas | Total | 32.730 |
| Período | Ámbito | Código espazo | Espazo | Sexo | Causa | T. bruta (x100000 hab) |
|---|---|---|---|---|---|---|
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Homes | Todas as causas | 1.254,44 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Mulleres | Todas as causas | 1.173,56 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Todas as causas | 1.212,48 |
| Período Ordenar de maneira ascedente | Ámbito | Código espazo | Espazo | Sexo | Causa | T. axustada (Pob. europea) |
|---|---|---|---|---|---|---|
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Homes | Todas as causas | 1.005,74 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Mulleres | Todas as causas | 585,36 |
| 2023 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Todas as causas | 766,59 |
As taxas específicas de mortalidade para homes e mulleres mostran un incremento progresivo a medida que avanza a idade, con valores máis elevados nos grupos de 85 e máis anos.
Mortalidade en función da área sanitaria (2023)
A continuación amósanse datos sobre o número de defuncións, taxas brutas e taxas axustadas por área sanitaria.
As taxas brutas máis altas obsérvanse nas áreas de Lugo e Ourense, mentres que as máis baixas rexístranse en Vigo e Pontevedra. Estas diferenzas territoriais amosan patróns consistentes coa estrutura demográfica de cada área. Ao empregar as taxas axustadas obsérvase unha redución destas diferenzas, o que indica que boa parte da variación se explica pola distinta composición por idades da poboación.
| Período | Ámbito | Código espazo | Espazo | Sexo | Causa | Grupo idade | Defuncions |
|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 2023 | Área sanitaria | CO | A Coruña e Cee | Total | Todas as causas | Total | 6.191 |
| 2023 | Área sanitaria | SC | Santiago de Compostela e Barbanza | Total | Todas as causas | Total | 5.271 |
| 2023 | Área sanitaria | FE | Ferrol | Total | Todas as causas | Total | 2.462 |
| 2023 | Área sanitaria | LU | Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos | Total | Todas as causas | Total | 5.076 |
| 2023 | Área sanitaria | OU | Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras | Total | Todas as causas | Total | 4.750 |
| 2023 | Área sanitaria | PO | Pontevedra e O Salnés | Total | Todas as causas | Total | 3.187 |
| 2023 | Área sanitaria | VI | Vigo | Total | Todas as causas | Total | 5.793 |
Evolución da mortalidade (1999–2023)
Durante as dúas últimas décadas observouse unha tendencia xeral descendente das taxas axustadas de mortalidade, tanto en homes como en mulleres, con pequenas fluctuacións interanuais.
A pesar do aumento absoluto de defuncións asociado ao envellecemento poboacional, as taxas de mortalidade axustadas mostran unha tendencia de mellora, reflectindo o progreso sanitario e social de Galicia.
Mortalidade por causas segundo a CIE-10 (2023)
En 2023, as principais causas de mortalidade en Galicia corresponderon ás enfermidades do sistema circulatorio, seguidas dos tumores e das enfermidades do sistema respiratorio. A distribución por sexo amosa patróns diferenciados: nas mulleres predominan as defuncións por enfermidades circulatorias, mentres que nos homes destacan os tumores como primeira causa.
Situación da mortalidade infantil en Galicia
A mortalidade infantil é un dos principais indicadores do nivel sanitario e social dunha poboación. En Galicia, mantén unha tendencia xeral descendente nas últimas décadas, cun descenso notable das taxas en todos os tipos de mortalidade infantil analizados. Nos últimos anos, aínda que se observan pequenas flutuacións anuais, os valores actuais sitúanse entre os máis baixos rexistrados historicamente.
No segundo diagrama, amósase un resumo do número de defuncións rexistrados por área sanitaria no ano 2023.
Mortalidade evitable
As categorías de mortalidade distinguen entre causas evitables, tratables e previbles, segundo o grao no que a morte podería evitarse mediante accións preventivas ou asistencia sanitaria. As taxas son máis elevadas nos homes en todas as categorías, mentres que nas mulleres se manteñen en niveis inferiores. As diferenzas entre taxas brutas e axustadas reflicten o efecto da estrutura demográfica, especialmente o maior peso da poboación de idade avanzada. En conxunto, estes indicadores permiten analizar a evolución e a distribución da mortalidade en Galicia.
| Período | Ámbito | Código espazo | Espazo | Sexo | Causa | T. bruta (x100000 hab) | T. axustada (Pob. 2011) | T. axustada (Pob. europea) |
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| 2019-2021 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Mort evitable | 220,36 | 169,66 | 170,70 |
| 2019-2021 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Previble | 149,39 | 115,30 | 115,76 |
| 2019-2021 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Tratable | 70,97 | 54,36 | 54,94 |
| 2019-2021 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Resto | 112,42 | 85,66 | 86,80 |
| 2019-2021 | Comunidade | 12 | Galicia | Total | Total | 332,78 | 255,32 | 257,50 |
Evolución da esperanza de vida en Galicia
A esperanza de vida en Galicia mantén unha evolución positiva e sostida ao longo das últimas dúas décadas, tanto ao nacer como aos 65 anos. As mulleres presentan, de forma consistente, valores superiores aos dos homes, mantendo esta diferenza estable no tempo. Os resultados reflicten o progresivo melloramento das condicións de vida e saúde da poboación galega.
Indicadores ampliados de mortalidade
Consulta aquí os principais datos e indicadores que describen a mortalidade da poboación galega. A información procede do Rexistro Mortalidade de Galicia e permite coñecer as tendencias e patróns segundo idade, sexo e causas de morte.