Ir o contido principal

Taxa de detección por 1.000 mulleres exploradas no PGDPCM

Taxa de detección por 1.000 mulleres exploradas dentro do marco do Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama (PGDPCM).

Dende a Dirección Xeral de Saúde Pública, púxose en marcha en 1992 a primeira unidade de exploración mamográfica do Programa galego de detección precoz do cancro de mama (PGDPCM). Ata o ano 2004 o Programa ía dirixido a todas as mulleres residentes en Galicia con idades comprendidas entre 50 a 64 anos. Seguindo as directrices da Unión Europea, a partir de 2005 o Programa comezou a ampliación progresiva do grupo de idade ata os 69 anos, obxectivo que se acadou no ano 2009. Con base na actualización das Directrices europeas sobre o cribado e diagnóstico do cancro de mama, en setembro do ano 2022, substituíndo a Recomendación do Consello 2003/878/EC do 2 de decembro de 2003 sobre o cribado do cancro, levouse a cabo a ampliación do cribado do cancro de mama ás mulleres de entre 45 e 74 anos en setembro do ano 2023.

As mulleres que forman parte da poboación diana do Programa reciben información sobre este cando son citadas para a realización da proba mamográfica. A citación é persoal e por SMS ou carta. Envíase nos 10-15 días previos á cita e nela especifícanse o lugar, día e hora en que debe acudir para a realización da proba mamográfica, así como as indicacións para solicitar cambio de cita se for preciso. Se a muller non acode, envíase unha nova citación. A relación de mulleres que hai que citar obtense a partir do rexistro de Tarxeta Sanitaria.

A programación das citas faise de forma que se garante a periodicidade de dous anos do cribado en cada concello (cunha marxe de ± seis meses).

A proba básica de cribado é a mamografía, realizando dúas proxeccións mamográficas (cranio-caudal e oblicua mediolateral) en cada mama cunha periodicidade de dous anos. Se o resultado é negativo, as mulleres reciben unha mensaxe no seu móbil (SMS) avisándoas deste resultado, recomendándolles seguir no Programa e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos. Tamén poderán obter o resultado en É-Saúde ou a través de Atención Primaria pasado un mes desde a realización da proba.

No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional para chegar a un diagnóstico, infórmase por carta certificada e con xustificante de recepción, na que se lles facilita unha cita para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento. Esta carta remítese tres días antes da cita e, ademais, dous días antes chámase a muller por teléfono para confirmala.

Ficha Descargar CSVDescargar Excel