Metodoloxía: Datos de mortalidade de Galicia
Fonte de datos
- Os datos de mortalidade para a poboación residente en Galicia proceden do Instituto Nacional de Estadística (INE) para o período 1980-1986 e do Rexistro de Mortalidade de Galicia dende o ano 1987. Ata 1998 empregouse a 9ª Clasificación Internacional de Enfermidades (CIE-9) e a partir de 1999 a CIE-10.
- As poboacións de Galicia para o período 1980-1997 son estimacións intercensuais, a 1 de xaneiro, calculadas na Dirección Xeral de Saúde Pública (DXSP) polo método de Aitkin1 a partir dos Censos de 1981 e 1991 e os Padróns de 1986, 1996 e 1998. Dende o ano 1998, os datos proceden do Instituto Galego de Estatística (IGE), en concreto da Renovación Anual do Padrón ata o ano 2022 e do Censo de poboación dende o ano 2023. Para os anos do período 1999-2001 estimouse a poboación por área sanitaria a partir do reparto observado nos dous anos seguintes, naqueles casos onde se precisou desglosar a idade ata o grupo de 95 anos e máis.
Bloques de resultados
Todos os indicadores de mortalidade organízanse en cinco grandes bloques:
- Mortalidade global e por capítulos: analízase a mortalidade en global e por capítulos2, tanto da CIE-9 como da CIE-10. Ata o ano 1998 (CIE-9), os grupos de idade empregados foron quinquenais ata os 85 anos e máis; e dende o ano 1999 (CIE-10), tamén se empregaron grupos de idade quinquenais pero ata os 95 anos e máis e desglosando o de 0 a 4 anos en menores de 1 ano e de 1 a 4 anos.
- Mortalidade por lista reducida: analízase a mortalidade para as principais causas da lista reducida2 (lista consensuada a nivel nacional de 105 causas, aglutinando todos os códigos da CIE). Empréganse os mesmos grupos de idade que no bloque anterior.
- Mortalidade por causas evitables: analízase a mortalidade en función da lista de Eurostat3. Esta lista proporciona unha selección de causas de morte, e os seus códigos CIE-10, consideradas como mortalidade evitable: previbles, tratables ou ambas.
- Mortalidade previble: Son aquelas causas de morte que poden evitarse por medio de intervencións eficaces por parte de saúde pública e/ou atención primaria, antes de que apareza a enfermidade ou a lesión.
- Mortalidade tratable: Son aquelas causas de morte que poden evitarse por medio de intervencións sanitarias oportunas e eficaces, a través da prevención secundaria e os tratamentos, despois da aparición da enfermidade.
- Mortalidade infantil: analízase a mortalidade infantil desglosada en:
- Mortalidade neonatal precoz: Defuncións ocorridas entre os 0 días de vida e o día 6 (é dicir, durante os primeiros 7 días completos de vida).
- Mortalidade neonatal tardía: Defuncións ocorridas dende o día 7 de vida ata o día 27.
- Mortalidade neonatal: Defuncións ocorridas entre os 0 días de vida e o día 27 (é dicir, durante os primeiros 28 días completos de vida).
- Mortalidade postneonatal: Defuncións ocorridas dende o día 28 de vida ata o día 364.
- Mortalidade infantil: Defuncións ocorridas entre os 0 días de vida e o día 364 (é dicir, durante o primeiro ano de vida).
- Táboas de mortalidade: analízase a mortalidade a partir da información obtida a través da táboa de mortalidade dunha poboación, onde se describe o proceso de extinción dunha cohorte ficticia de 100.000 nacidos vivos baixo a experiencia de mortalidade observada nesa poboación e nun período. Para a construción das táboas de mortalidade as taxas de mortalidade específicas por idade simples transfórmanse en probabilidades de morte e, a partir delas, estímanse sucesivamente as restantes funcións da táboa ata chegar á esperanza de vida. O cálculo das táboas de mortalidade realizouse empregando o paquete demogal4 do software R.
Indicadores
Calculáronse os seguintes indicadores:
- Frecuencia: número de defuncións.
- Taxa bruta: número de defuncións por cada 100.000 habitantes.
- Taxa específica: número de defuncións nun determinado grupo de idade por cada 100.000 persoas dese grupo de idade.
- Taxa axustada: taxa axustada de mortalidade polo método directo ás poboacións estándar: Censo de 2011 de Galicia, poboación estándar europea5, poboación estándar mundial6, a partir das taxas específicas por grupos de idade. Exprésase en tanto por 100.000 habitantes.
- Anos de esperanza de vida perdidos: o número de Anos de Esperanza de Vida Perdidos (AEVP) por unha poboación nun período determinado é un indicador, desenvolvido por Arriaga7, que representa a diferenza entre o máximo posible de anos que se poden vivir entre dúas idades e os que realmente se viven (esperanza de vida temporaria entre esas idades). O total de AEVP atribuíbles á forza da mortalidade nunha poboación pódese descompoñer por grupo de idade e/ou causa de morte.
- Esperanza de vida ao nacer: promedio de anos que pode vivir unha persoa dende o nacemento, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.
- Esperanza de vida aos 65 anos: promedio de anos que lle quedan por vivir a unha persoa que chega con vida aos 65 anos, no caso de que as condicións de mortalidade se mantivesen constantes.
- Probabilidade de morrer: probabilidade de falecer antes de acadar a idade x+n, no suposto de que esa persoa xa acadara a idade exacta x.
Referencias
- 1 Aickin M, Dunn CN, Flood TJ. Estimation of Population Denominators for Public health Studies at the Tract, Gender, and Age-Specific Level. Am J Public Health. 1991;81:918-20.
- 2 Instituto Nacional de Estadística. Lista reducida de causas de muerte CIE-10 y su correspondencia con la CIE-9. Dispoñible en: https://www.ine.es/daco/daco42/sanitarias/lista_reducida_CIE10.pdf
- 3 OECD/Eurostat. Avoidable mortality: OECD/Eurostat lists of preventable and treatable causes of death (January 2022 version). January 2022. Dispoñible en: https://www.oecd.org/health/health-systems/Avoidable-mortality-2019-Joint-OECD-Eurostat-List-preventable-treatable-causes-of-death.pdf
- 4 Instituto Galego de Estatística (IGE). Proxeccións de poboación [Internet]. Santiago de Compostela: IGE. Dispoñible en: https://www.ige.gal/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=004017
- 5 Eurostat, European Commission. Revision of the European Standard Population. Report of Eurostat's task force. Luxembourg: Publications Office of the European Union; 2013.
- 6 Ahmad OB, Boschi-Pinto C, Lopez AD, et al. Age Standardization of Rates: A New WHO Standard. Geneva: World Health Organization;2001.
- 7 Arriaga EE. Los años de vida perdidos: su utilización para medir el nivel y cambio de la mortalidad. Notas de Población CELADE 1996; 24(63): 7 38.