A CONSELLERÍA DE SANIDADE DIFUNDE PAUTAS DE NUTRICIÓN CON PERSPECTIVA DE XÉNERO
A Consellería de Sanidade, a través do portal Vida Saudable, difunde pautas de nutrición coas necesidades específicas das mulleres ao longo das distintas fases do seu ciclo vital.
Ao longo da vida adulta, as mulleres experimentan cambios fisiolóxicos desde o ciclo menstrual ata a menopausa que condicionan o seu metabolismo, as súas necesidades nutricionais e a súa relación coa alimentación e a actividade física.
Neste contexto, inclúense recomendacións nutricionais para reducir os efectos do síndrome premenstrual. Debido a que a proxesterona se atopa nos seus niveis máis elevados, potencian o apetito, mentres que se produce un descenso de estróxenos que modulan a saciedade, o cal explica a maior sensación de fame, que se prefiran alimentos densos en enerxía, que se produza inchazón abdominal e retención de líquidos, así como os cambios no estado de ánimo.
As revisións recentes suxiren que certos patróns dietéticos antiinflamatorios, ricos en verduras, froitas, peixe azul, noces e aceite de oliva virxe extra, poden axudar a modular os síntomas nalgunhas mulleres, aínda que a resposta sexa individual.
Entre outros temas, tamén se salienta a importancia de manter niveis adecuados de vitamina D na menopausa, xa que é a etapa da vida das mulleres na que comeza unha perda acelerada da masa ósea así como unha redución da masa muscular. A vitamina D é clave para previr fracturas e asegurar a absorción de calcio, para o músculo, a inmunidade e o estado de ánimo.
Recoméndase combinar unha exposición solar moderada con alimentos ricos en vitamina D como son: peixe azul, ovos, cogomelos e champiñóns marróns ou lácteos.
Por outra banda, lémbrase que a Organización Mundial da Saúde recomenda que as mulleres adultas realicen, á semana, entre 150 e 300 minutos de actividade aeróbica moderada (camiñar rápido, bicicleta, bailar ou traballar no xardín) ou 75-150 minutos de actividade vigorosa (correr, deportes competitivos, natación rápida).