Ir o contido principal

A CONSELLERÍA DE SANIDADE RECOMENDA A ADOPCIÓN DE MEDIDAS DE PRECAUCIÓN ANTE O EPISODIO DE ALTAS TEMPERATURAS

Imaxe
Recomendacións_calor_20250616181642.jpg
 

​A Consellería de Sanidade recomenda a adopción de medidas de precaución ante o episodio de altas temperaturas que está a vivir Galicia e que se prolongará nos vindeiros días.

Un total de 38 concellos do noroeste da provincia da Coruña están xa no nivel 2 de risco entre hoxe, 16 de xuño, e o vindeiro día 18.

Segundo a información trasladada polo Ministerio de Sanidade, os concellos afectados polo nivel 2 da alerta son: Abegondo, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cambre, Carballo, Cariño, Carral, Cedeira, Cerceda, Cerdido, Coristanco, A Coruña,  Culleredo, Fene, Ferrol, Laxe, Laracha, A Malpica de Bergantiños, Mañón, Miño, Moeche, Mugardos, Narón, Neda, Oleiros, Ortigueira, Oza-Cesuras, Paderne, Ponteceso, Pontedeume, Sada, San Sadurniño, Valdoviño, Vilarmaior.

Segundo a información meteorolóxica, este aumento significativo nas temperaturas comeza hoxe luns e estenderase ao resto de Galicia na xornada de mañá, martes, prolongándose ata a xornada do xoves.

Prevese que eses elevados valores de temperatura ocasionarán novos avisos por temperaturas máximas extremas nos vindeiros días, xa que en moitas comarcas de Galicia se poderán superar os 34ºC ou 36ºC, quedando mesmo no entorno dos 40ºC en puntos de Ourense nas xornadas de martes e mércores.

Ante esta situación, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, pon á disposición da poboación unha serie de recomendacións para reducir os efectos nocivos da calor sobre a saúde da poboación.

As altas temperaturas non afectan a poboación do mesmo xeito, polo que é importante identificar os grupos de risco e ter en conta os efectos que poden influír, como son as condicións de vida, as da vivenda ou os niveis de contaminación ambiental. 

Os principais grupos de risco son as persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano, persoas con diferentes patoloxías crónicas; deportistas ou profesionais que pasen moitas horas no exterior.

​As principais recomendacións sanitarias son beber máis líquidos, evitar as bebidas quentes ou con moito azucre, aumentar o consumo de verduras e froitas, evitar comidas copiosas e manter os alimentos no frigorífico, prestando especial atención á súa conservación. Tamén se aconsella usar roupa lixeira e de cores preferiblemente claras e protección solar, permanecer en espazos ventilados e evitar estar ao aire libre nas horas de máis calor. 

A páxina web da Consellería de Sanidade, ofrece recomendacións máis detalladas a través do seguinte enlace: 

https://airesaude.sergas.gal/Contidos/CC_Recomend_calor?idioma=ga