GALFLU, O PROXECTO PIONEIRO DE GALICIA SOBRE A VACINA DE ALTA CARGA FRONTE Á GRIPE, DEMOSTRA A SÚA EFICACIA AO REDUCIR UN 31,8 % AS HOSPITALIZACIÓNS

O ensaio clínico Galflu, o proxecto pioneiro de Galicia sobre a vacina de alta carga fronte á gripe, demostrou a eficacia desta dose ao reducir un 31,8 % as hospitalizacións en comparación coa vacina estándar.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou en rolda de prensa os resultados do estudo, acompañado da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, e do investigador Federico Martinón, responsable do Grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.
O titular de Sanidade subliñou tamén a redución do risco de hospitalización por gripe ou por pneumonía dun 23,7 % coa vacina antigripal reforzada e dun 8,4 % das hospitalizacións por eventos cardiorrespiratorios.
Gómez Caamaño reiterou a decisión da Xunta de, unha vez demostrada a súa eficacia, ampliar a aplicación da vacina antigripal de alta carga para todas as persoas de 70 a 79 anos. En anteriores campañas xa se administraba a maiores de 80 anos, así como a residentes en centros sociosanitarios e persoas inmunodeprimidas.
O conselleiro de Sanidade agradeceu a implicación da cidadanía galega con case 135.000 participantes nas dúas últimas campañas de vacinación.
Gómez Caamaño explicou que, co envío de sms para convidar persoas de 65 a 79 anos así como coas invitacións nos propios centros de vacinación, se conseguiu pechar o recrutamento necesario en apenas un mes. Deu as grazas expresamente tamén ás 200 enfermeiras do Servizo Galego de Saúde que colaboraron no proxecto.
Os resultados de Galflu, un dos ensaios clínicos de maior dimensión realizados en España no ámbito das vacinas, acaban de ser publicados pola relevancia dos seus achados na revista New England Journal of Medicine, unha das máis destacadas a nivel internacional.
Gómez Caamaño insistiu no acerto da Xunta en apostar pola investigación clínica aplicada para optimizar as políticas de saúde pública. Así, o estudo amosa os beneficios dunha planificación e avaliación rigorosa do sistema de vacinación galego.
Acordo de risco compartido
Para a próxima campaña fronte á gripe, Galicia será a primeira rexión a nivel mundial en impulsar un sistema de adquisición de vacinas que teña en conta os resultados e a efectividade real nos pacientes.
A Xunta destinará máis de 7,2 millóns de euros á primeira compra de vacinas fronte á gripe de alta carga na modalidade de acordo de risco compartido, que se basea en acadar resultados en saúde e que permite axustar o prezo das vacinas en función da súa capacidade para reducir as hospitalizacións.