Ir o contido principal

GALICIA AVANZA NA CAMPAÑA DE VACINACIÓN CON MÁIS DE 600.000 GALEGOS INMUNIZADOS FRONTE Á GRIPE E 360.000 FRONTE Á COVID

Imaxe
20251120_Conselleiro_Sanidade_12_Xornada_Tipico_taller_infectoloxia4_20251120174404.jpg


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde a 12ª edición do Taller Interactivo Infectolóxico: tendencias actuais e novos enfoques en enfermidades infecciosas e vacinas, un evento no que precisou que a campaña de vacinación da Xunta xa conta con 600.000 galegos inmunizados fronte á gripe e 360.000 fronte á covid-19.

Durante a súa intervención, o titular de Sanidade destacou a posición de vangarda que ocupa Galicia no campo da vacinación, lembrando que posúe un dos programas de inmunización máis completos do mundo. 

Nesta liña, salientou a progresiva introdución de novas iniciativas e vacinas, como foi o caso da vacina do Virus Respiratorio Sincitial en bebés, a vacinación fronte ao papiloma humano en varóns ata os 21 anos, ou a inmunización da poboación fronte á gonorrea cunha vacina destinada a protección fronte á meninxite B.

Gómez Caamaño tamén puxo en valor o programa piloto de vacinación intranasal fronte á gripe que a Xunta realizou en 55 centros educativos da comunidade e o estudo sobre a vacina gripal de alta carga Galflu, que desenvolve o Grupo de Xenética, Vacinas e Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, en colaboración con la Consellería de Sanidade.

Respecto da incidencia do virus da gripe en Galicia, o conselleiro precisou que nestes momentos estase a producir un inicio precoz da onda epidémica da gripe que, malia presentar aínda unha intensidade baixa tamén rexistra unha tendencia crecente.

Os datos de vacinación reflicten que o sistema sanitario público galego xa vacinou fronte a gripe a máis do 44 % dos menores con idades de 0 a 11 anos, ao 58,7 % das persoas maiores de 65 anos e a máis do 52 % do persoal sanitario. 

Pola súa parte, e no que atinxe á inmunización fronte ao coronavirus, Galicia xa conta con máis do 54 % da persoas maiores de 70 anos vacinadas e con case o 33 % do persoal sanitario inmunizado. 

O máximo responsable da sanidade galega pechou a súa intervención gabando o importante programa científico co que conta este obradoiro que congregará a prestixiosos especialistas nacionais e internacionais nos ámbitos das enfermidades infecciosas e das vacinas.