GALICIA CONSOLIDA A SÚA POSICIÓN DE VANGARDA NA SEGURIDADE ALIMENTARIA EN ESPAÑA
Galicia consolídase como referente en España en seguridade alimentaria, acadando os máximos niveis de competencia técnica. Ao respecto, a Consellería de Sanidade vén de recibir a comunicación de Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) en relación coa acreditación dos servizos de inspección veterinaria das provincias de Lugo e Ourense polas súas actividades no sector agroalimentario.
Desde maio do 2024, os servizos de inspección veterinaria de saúde pública da provincia de Pontevedra contan coa acreditación segundo a norma UNE-EN ISO/IEC 17020. Ademais, Sanidade xa traballa na acreditación dos servizos veterinarios da provincia da Coruña.
Galicia reafírmase así como referente e pioneira na obtención da acreditación ENAC no ámbito da seguridade alimentaria, sendo os servizos de inspección veterinaria de saúde pública da Consellería de Sanidade os primeiros en España en recibir esta distinción de competencia técnica.
Este avance reforza a confianza no sistema de control oficial e sitúa a Galicia á vangarda da seguridade alimentaria en España.
Con estas iniciativas, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, consolida a súa aposta pola mellora da calidade, obxectivo común de toda a Xunta de Galicia.
A consecución desta distinción foi posible grazas ao esforzo conxunto dos departamentos territoriais da Consellería de Sanidade das provincias acreditadas, coa coordinación da Dirección Xeral de Saúde Pública.
Proceso de acreditación
Ao longo do proceso desenvolvéronse reunións informativas, de acompañamento e de avaliación, así como auditorías internas destinadas a verificar que o sistema de xestión cumpre cos requisitos das actividades de inspección, está correctamente implantado e se mantén de forma eficaz.
O proceso incluíu tamén unha exhaustiva avaliación por parte da ENAC, con auditorías documentais e visitas de acompañamento durante a realización das inspeccións. Este traballo permitiu consolidar un sistema de calidade baseado en normas e procedementos claramente definidos, que garanten que as actuacións inspectoras se realizan con criterios de calidade, rigor técnico, transparencia e aliñados cos estándares internacionais.
Protección e mellora da saúde da poboación
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, ten entre as súas funcións a protección e mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria. Para iso, identifica perigos e problemas de saúde, así como as poboacións máis vulnerables. Ademais, avalía e vixía os riscos de acordo coas políticas sanitarias da comunidade e propón, planifica e, se procede, desenvolve programas e actuacións orientadas a reducir o risco de enfermidade e de mortalidade prematura.
En concreto, no ámbito da seguridade alimentaria e a sanidade ambiental, lévanse a cabo anualmente diversas campañas sanitarias destinadas á vixilancia dos riscos. En particular, a inspección veterinaria de saúde pública desenvolve a súa actividade no marco do Plan de control oficial da cadea alimentaria, que inclúe, entre outros, a supervisión de industrias alimentarias e establecementos de restauración colectiva.