GALICIA CONSOLÍDASE COMO REFERENTE ESTATAL NA PREVENCIÓN DO TABAQUISMO E A PROMOCIÓN DA SAÚDE COMUNITARIA
A Xunta de Galicia recibiu esta semana o recoñecemento do Ministerio de Sanidade na Convocatoria de Boas Prácticas do Sistema Nacional de Saúde 2025-2026 pola súa iniciativa Praias, parques e portos sen fume, seleccionada na área de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde.
O xefe do servizo de Prevención de Condutas Aditivas da Consellería de Sanidade, Jaime Fraga, foi o encargado de recoller a distinción durante a Xornada de Boas Prácticas do SNS, celebrada na sede do Ministerio de Sanidade.
Promoción dunha vida sen tabaco
O consumo de tabaco constitúe a primeira causa evitable de enfermidade e morte na poboación, ademais dun importante problema de saúde pública pola exposición involuntaria ao fume ambiental. A normalización do consumo de tabaco nos espazos de lecer ao aire libre favorece o inicio prematuro ao tabaquismo.
Deste xeito, o Programa Rede de Praias, parques e portos sen fume consiste na creación e consolidación dunha rede de espazos públicos ao aire libre declarados voluntariamente “sen fume”, dirixido á poboación xeral fumadora e non fumadora, con especial énfase na protección da infancia e a xuventude.
Actualmente, xa pertencen á rede galega 249 praias de 85 concellos, 7 portos e 45 parques.
O seu obxectivo é promover unha vida sen tabaco e desnormalizar o consumo de produtos do tabaco ou produtos relacionados na sociedade. Así mesmo, cómpre salientar que o programa está baseado na adhesión voluntaria dos concellos e na colaboración entre administracións, cidadáns e axentes comunitarios.
Referente estatal na prevención
O departamento sanitario da Xunta valora este recoñecemento como un respaldo ao traballo desenvolvido en Galicia en materia de prevención do tabaquismo e promoción da saúde comunitaria. Así mesmo, pon en valor o compromiso dos concellos adheridos, cuxa implicación foi clave para consolidar esta rede, que medra ano tras ano e constitúe un referente a nivel estatal.
Galicia foi pioneira na protección da mocidade fonte ás novas formas de adición coa Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas aditivas, coa prohibición do consumo de bebidas enerxéticas e vapeadores, entre outras medidas.
A Xunta de Galicia seguirá impulsando políticas públicas orientadas a crear espazos máis saudables, protexer á infancia e avanzar na prevención de enfermidades con actuacións eficaces, sostibles e próximas á cidadanía.