Ir o contido principal

GALICIA PON EN VALOR O SEU ECOSISTEMA CONSOLIDADO DE PROMOCIÓN DA SAÚDE CON INICIATIVAS COMO O PLAN DE OBESIDADE ZERO E O TRABALLO CON ASOCIACIÓNS E ENTIDADES LOCAIS

Imaxe
20260324_Xornada_saude_cardiovascular2_20260324123851.jpeg

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, destacou hoxe que Galicia conta cun ecosistema consolidado de promoción da saúde, con iniciativas como o Plan Obesidade Zero, as redes de promoción da saúde, o programa Adestra a túa saúde ou o traballo con asociacións e entidades locais, que permite incorporar os nudges de maneira natural nas políticas públicas.

A representante da Xunta, participou na xornada: Nudges ao servizo da saúde cardiovascular, que se celebra no Ateneo de Madrid e que reúne a expertos en saúde pública, economía da saúde e ciencias do comportamento, para analizar o papel destas ferramentas na prevención das enfermidades cardiovasculares.

Os chamados nudges —ou “empurróns saudables”— son intervencións sinxelas que modifican de maneira sutil o contexto no que as persoas toman decisións, facilitando opcións máis saudables sen limitar a liberdade individual.

Durante a súa intervención na mesa Da evidencia ao deseño: oportunidades para implantar nudges no sistema sanitario, a representante da Xunta centrou a súa exposición na aplicación práctica destas ferramentas para mellorar os hábitos de vida da poboación, destacando que “non é necesario crear novas estratexias, senón deseñar mellor as que xa temos”.

A intervención da representante da Xunta incidiu en que os hábitos de vida non dependen unicamente de decisións individuais, senón tamén dos contextos nos que estas se toman. Por iso, defendeu a necesidade de actuar en espazos clave como o ámbito laboral, as asociacións de persoas maiores, os centros educativos, as universidades ou os concellos, integrando pequenas modificacións no deseño das intervencións que faciliten eleccións máis saudables.

Así mesmo, destacou o potencial papel dos nudges como ferramentas de baixo custo e alto impacto, capaces de aumentar a participación en programas de detección precoz, mellorar a adherencia a hábitos saudables e reforzar a implicación da cidadanía no coidado da súa saúde.

Finalmente, Sagrario Pérez sinalou que estas intervencións permiten avanzar cara a un modelo sanitario máis preventivo, participativo e sostible, no que o sistema non só atende a enfermidade, senón que acompaña ás persoas nas súas decisións cotiás de saúde.

A xornada conta coa participación de representantes institucionais, profesionais sanitarios e expertos en comportamento, e está organizada coa colaboración de entidades do ámbito sanitario e académico.