GALICIA REFORZA O SEU LIDERADO NA ABORDAXE INTEGRAL DA OBESIDADE NO DÍA MUNDIAL DESTA ENFERMIDADE, GRAZAS AO SEU PLAN OBESIDADE ZERO 2022-2030
Galicia reforza o seu liderado na abordaxe integral da obesidade no Día Mundial desta enfermidade grazas á súa experiencia sustentada no Plan Obesidade Zero 2022-2030.
A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudables da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez, puxo en valor hoxe o compromiso do Goberno galego na abordaxe desta patoloxía, no transcurso da súa intervención na xornada Avances clínicos e retos compartidos para a mellora do abordaxe da obesidade, organizada pola Alianza pola Obesidade en Madrid, previa á celebración, mañá día 4 de marzo, do Día Mundial da Obesidade.
O Plan Obesidade Zero do Executivo galego é unha estratexia pioneira a nivel autonómico que aborda a obesidade desde unha perspectiva estrutural, preventiva e comunitaria, incorporando a equidade e a avaliación continua como eixes fundamentais das políticas públicas. Trátase dun modelo centrado na prevención, nas contornas saudables e na equidade.
Durante a xornada, a representante da Xunta destacou o enfoque galego, baseado na intervención sobre os determinantes sociais e ambientais da obesidade.
Liñas de actuación
Entre as principais liñas de actuación ás que se referiu a representante da Consellería de Sanidade figuran a mellora da oferta alimentaria en comedores escolares, universitarios, sanitarios e laborais, así como o desenvolvemento de redes territoriais de promoción da saúde e prescrición social.
Outra das liñas de actuación é a avaliación sistemática de hábitos, contornas e resultados en saúde, con especial atención á obesidade infantil e á obesidade central como indicadores temperáns de risco cardiometabólico. Ademais, o plan conta con programas específicos orientados á redución das desigualdades en saúde en colectivos vulnerables.
Este enfoque permitiu avanzar cara a un modelo sostible que supera actuacións puntuais e consolida respostas estruturais fronte á obesidade.
Compromiso co valor en saúde
A experiencia galega reforza un enfoque baseado no valor en saúde, entendido como a mellora real e sostida da saúde, da calidade de vida e da equidade da poboación. Avaliar as políticas de obesidade polos seus resultados a medio e longo prazo, e non só pola actividade desenvolvida, foi un dos elementos clave compartidos durante a xornada celebrada en Madrid.
Con esta participación, Galicia reafirma o seu compromiso de seguir avanzando cara a un modelo integral de abordaxe da obesidade, baseado na evidencia científica, na equidade e na sustentabilidade do sistema sanitario, contribuíndo activamente á construción de respostas comúns fronte a un dos principais retos de saúde pública do século XXI.
O lema deste ano: 8 mil millóns de razóns para actuar contra a obesidade fai fincapé en que todas as persoas do planeta teñen motivos para implicarse no combate contra a obesidade, porque afecta a individuos, familias e sistemas de saúde e relaciónase con factores sociais, ambientais e de equidade en saúde.
Con motivo do Día Mundial da Obesidade, mañá día 4 de marzo, a Xunta organiza cinco andainas Camiña e conecta co obxectivo principal de fomentar estilos de vida saudables e combater o sedentarismo entre a poboación galega.
Os cinco roteiros percorrerán espazos emblemáticos e naturais das distintas áreas sanitarias. En concreto:
- Na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: realizarase un roteiro de 7 km que partirá ás 10,30 horas desde o Pavillón dos Remedios e rematará no Pazo dos deportes Paco Paz.
- Na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos: a andaina terá un percorrido de 5 quilómetros, transcorrendo pola Muralla da cidade e o seu centro histórico. O punto de saída será a Praza de Ferrol ás 17,00 horas.
- Na área sanitaria da Coruña e Cee percorreranse 5 quilómetros polo paseo fluvial do Acevedo, en Cerceda. A saída da andaina será ás 12,00 horas.
- Na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza: ás 10,30 horas da mañá terá lugar a saída dunha andaina que percorrerá os 6 quilómetros de distancia que separan a explanada marítima de Porto do Son e o Faro de Caveiro.
- Na área sanitaria de Vigo: a praza do Concello de Redondela será o punto de saída dun roteiro de 3 quilómetros pola senda do río Maceiras (saída ás 10,30 horas).
A participación será aberta ao público xeral e terá carácter gratuíto. Con todo, a Xunta habilitou un espazo web de inscrición para facilitar a xestión loxística e o control de asistencia.