Ir o contido principal

GALICIA SERÁ A PRIMEIRA COMUNIDADE EN ENGADIR A PROTECCIÓN FRONTE AO MENINGOCOCO B AOS 12 ANOS NO CALENDARIO VACINAL, O MÁIS COMPLETO DO MUNDO

Imaxe
Recurso_Consello_Xunta_Temas_20260427172009.png
 

Galicia converterase na primeira comunidade que amplía a protección fronte ao meningococo B coa inclusión no calendario de vacinación dun reforzo aos 12 anos a partir do próximo mes de maio.

Así se reflicte no informe presentado esta mañá pola Consellería de Sanidade durante a reunión do Consello da Xunta. Neste informe recóllese a necesidade de reducir a posibilidade de contaxios na adolescencia, xa que a meninxite é unha das enfermidades infecciosas máis graves, cunha mortalidade de arredor do 10 % e secuelas permanentes, como amputacións ou danos neurolóxicos ata no 20 % dos superviventes.

Galicia foi pioneira na posta en marcha de medidas contra esta doenza, incluíndo historicamente vacinas como a do meningococo C, ACWY e, máis recentemente, a do meningococo B en lactantes.

A protección da adolescencia constitúe o paso final e necesario para o cumprimento do obxectivo da Organización Mundial da Saúde de derrotar a meninxite como problema de saúde pública en 2030. Ademais, a inclusión da vacina fronte ao meningococo B, preferentemente aos 12 anos, é unha recomendación do Comité asesor de vacinas da Asociación Española de Pediatría.

Esta medida responde á relevante carga de enfermidade asociada a este serogrupo, responsable historicamente dunha gran parte dos casos de enfermidade meningocócica invasiva tanto en España como en Galicia. 

Trátase dunha enfermidade pouco frecuente pero de extrema gravidade, caracterizada por unha evolución rápida e potencialmente mortal. Pode manifestarse principalmente en forma de sepse ou meninxite, aínda que tamén pode dar lugar a outras presentacións clínicas graves, con importantes secuelas a longo prazo nos superviventes, como discapacidade neurolóxica, perda auditiva ou amputacións.

Vacinación de reforzo

A incorporación ao calendario vacinal realizarase de forma sistemática, a partir do 1 de maio, cando nenas e nenos fagan 12 anos, coincidindo coa administracións doutras vacinas como a do meningococo ACWY ou a do virus de papiloma humano.

Polo tanto, este ano corresponderalle a arredor de 21.900 adolescentes nados en 2014. Representan un grupo de poboación clave na transmisión, polo que a medida pode favorecer unha diminución sostida da incidencia.

Administrarase unha única dose cando se dispoña da pauta completa (vacinación aos dous meses, aos catro meses e reforzo aos 12 meses) ou ben dous doses cando non se teña completada a pauta infantil.

Así, a vacinación en adolescentes xustifícase para manter a protección individual, dado que a resposta inmunitaria inducida na infancia diminúe ao longo do tempo. A administración na adolescencia funciona como dose de reforzo, optimizando a persistencia de anticorpos nun período de maior interacción social e exposición.

A vacina fronte ao meningococo B, ademais, confire un grao de protección cruzada fronte á infección por gonococo. Nunha etapa vital onde as infeccións de transmisión sexual representan un desafío crecente, a protección fronte á gonorrea supón un beneficio secundario de enorme importancia para a saúde pública xuvenil.

A Consellería de Sanidade incrementará o investimento destinado a esta vacina en 1,8 millóns de euros, polo que pasará a supoñer 4,7 millóns anualmente.

Situación epidemiolóxica

A transmisión da enfermidade meningocócica invasiva prodúcese a través do contacto directo coas secrecións respiratorias dunha persoa infectada. O meningococo pode colonizar a nasofarinxe de forma asintomática durante períodos prolongados. 

Calcúlase que unha proporción relevante da poboación pode ser portadora nasofarínxea en determinados momentos, aínda que menos do 1 % destas persoas desenvolverá finalmente enfermidade invasiva.

Segundo os datos de vixilancia epidemiolóxica correspondentes ao ano 2025, en España rexistráronse 144 casos de enfermidade meningocócica por serogrupo B, o que supón unha taxa de incidencia de 0,30 casos por 100.000 habitantes.

En Galicia hai un descenso sostido de casos, sobre todo desde o ano 2000. Este descenso é máis evidente na poboación infantil e xuvenil, compatible co impacto positivo da vacinación na infancia ademais doutros factores. Na temporada 2024-2025  detectáronse 5 casos de enfermidade menigocócica polo serogrupo B, un dos cales se deu na franxa de 10-14 anos.

Mellora continua do calendario vacinal

O Goberno galego aposta pola prevención e mantén actualizado de forma constante o seu calendario vacinal, incorporando as últimas novidades en base á evidencia científica sobre a súa efectividade e o beneficio para a sociedade.

Mostra diso é que tamén no mes de maio se adiantará a vacina de reforzo fronte ao sarampelo aos dous anos, en lugar de aos tres, para dar resposta á repunta de casos de infeccións por este virus a nivel nacional.

Ademais, a próxima campaña da gripe aumentará a protección fronte a este virus ao ampliar a vacina reforzada á poboación xeral de 65 a 69 anos. Deste xeito, administrarase a todas as persoas de 65 ou máis anos, ademais de manter esta vacina reforzada para maiores de 60 que vivan en residencias sociosanitarias.