Ir o contido principal

GÓMEZ CAAMAÑO AVANZA QUE A XUNTA DESTINARÁ 180.000 EUROS A FINANCIAR O GASTO QUE FAGAN OS CONCELLOS AFECTADOS POLOS LUMES NO CONTROL DAS AUGAS

Imaxe
20250911_Conselleiro_Sanidade_reforma_cs_San_Cristovo_de_Cea4_20250911130322.jpeg


O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que a Xunta destinará 180.000 euros para financiar o gasto que fagan os concellos afectados polos lumes nas analíticas de control das augas.

O titular da carteira sanitaria da Xunta, xunto co xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba, asinou un convenio de colaboración co Concello de San Cristovo de Cea para renovar a fontanería do centro de saúde, coa finalidade de asegurar unha subministración de auga axeitada, evitando posibles avarías ou fugas.

As obras desta reforma suporán un investimento por parte da Xunta de preto de 14.000 euros, co obxectivo de substituír de xeito completo a rede de tubaxes da planta baixa. Ademais, instalarase un sistema de retorno da auga quente sanitaria e do termóstato, co que se mellorará a eficiencia enerxética e se garantirá un maior confort para os usuarios e traballadores deste centro sanitario.

Actuacións extraordinarias polos lumes

O conselleiro sinalou que na crise dos lumes, a Consellería de Sanidade, por medio da súa Dirección Xeral de Saúde Pública, se puxo a disposición dos concellos para garantir a seguridade e a calidade das augas.

A tal fin, deseñou un plan de actuacións extraordinarias nas augas de consumo, combinando medidas de autocontrol nos municipios con tarefas extraordinarias a cargo dos inspectores de saúde pública, intensificando a súa actividade nas zonas afectadas.

O conselleiro detallou que o obxectivo desta medida é reforzar o seguimento que xa se fai de xeito habitual para garantir que a auga sexa segura, tanto a curto como a medio prazo, logo da vaga de lumes que afectou especialmente á provincia de Ourense.

Ademais do asesoramento técnico, o conselleiro subliñou que a Xunta tamén decidiu asumir o custo das analíticas necesarias para verificar a calidade das augas nos concellos afectados polos lumes, mediante a sinatura de convenios de colaboración por importe de 180.000 euros.

Gómez Caamaño detallou que os profesionais do Servizo Galego de Saúde  atenderon entre o 11 e o 26 de agosto máis de 200 casos relacionados con incidencias provocadas polos lumes.

Para facer fronte ao aumento da demanda e asegurar os servizos sanitarios, o conselleiro dixo que foron necesarios grandes esforzos, polo que aproveitou as súas verbas para recoñecer publicamente o traballo exemplar realizado polos profesionais da sanidade pública, desde o 061 e ata o persoal dos centros sanitarios e dos hospitais, que responderon con total entrega.

Tamén destacou na súa intervención o enorme valor da rede de atención primaria galega, con máis de 450 centros de saúde, polo menos un en cada concello, que permite asegurar a atención sanitaria ao conxunto da poboación e chegar a todos os municipios do rural.