GÓMEZ CAAMAÑO DESTACA O COMPROMISO DOS GALARDOADOS NA PRIMEIRA EDICIÓN DOS PREMIOS FARO POR AVANZAR NUN SISTEMA DE SAÚDE PÚBLICA MÁIS forte, INNOVADOR E PREPARADO PARA OS RETOS FUTUROS
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou o compromiso dos 14 colectivos ou institucións galardoados na primeira edición dos premios Faro, co obxectivo de avanzar nun sistema de saúde pública máis forte, innovador e preparado para os retos futuros.
O titular da carteira sanitaria da Xunta interveu na entrega de premios e acto de clausura da IV Xornada galega de saúde pública Premios Faro 2026.
O conselleiro detallou que estes galardóns son unha iniciativa impulsada pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade co propósito de recoñecer o traballo de todos aqueles que contribuíron de maneira decisiva á prevención, á promoción de hábitos de vida saudable, á protección da saúde e a mellorar a calidade de vida da cidadanía.
Gómez Caamaño referiu que os premios recoñecen propostas distintas pero que comparten unha mesma idea, que a saúde se constrúe antes de chegar ao hospital, nas escolas, nos barrios e tamén nas políticas públicas.
Nas súas verbas, destacou exemplos como ao barrio de Teis, ao converterse no motor de cambio e de colaboración socio-sanitaria, ou como unha aplicación de Opromar é capaz de mellorar os hábitos de alimentación. Tamén referiu como o Concello de Ponteareas lidera un proxecto europeo para previr a obesidade infantil.
Xunto ao anterior, Gómez Caamaño dixo que os premios recoñecen iniciativas que miran directamente ao futuro, como o uso da intelixencia artificial no Rexistro galego de tumores, ou programas pioneiros de detección precoz do cancro de pulmón que, dende o centro de saúde do Ventorrillo, abre novas vías para mellorar a prevención e o diagnóstico.
Os premios distinguen, así mesmo, artigos de investigación que sitúan a Galicia no mapa internacional, como o grupo de investigación xenética, vacinas, infeccións e pediatría do IDIS. Ao respecto, o ensaio clínico Galflu é unha mostra clara do potencial científico da nosa comunidade.
Tamén recoñecen estes galardóns a traxectoria profesional do doutor Alberto Malvar, pola súa ampla e destacada traxectoria no ámbito da saúde pública.
Outros premios outorgados reflicten o traballo de todo un colectivo como os profesionais da área sanitaria da Coruña e Cee, por obter a mellor cobertura da vacina fronte á gripe en maiores de 60 anos, ou ao Colexio Oficial de Farmacéuticos de Pontevedra, polo seu labor de sensibilización dos máis novos fronte ás infeccións de transmisión sexual.
Galicia, referente en saúde pública
O conselleiro destacou que Galicia pode sentirse orgullosa do nivel dos seus profesionais, das súas institucións e dos seus logros en materia de saúde pública, que nos sitúan como un referente neste ámbito.
Para concluír a súa intervención, Gómez Caamaño agradeceu o seu labor a todas as persoas que cada día traballan no ámbito da saúde pública, posto que, grazas ao seu compromiso e a súa dedicación, a nosa comunidade segue a avanzar cara un sistema máis forte e máis moderno.
O acto concluíu coa intervención da orquestra infantil Son das Flores, do Colexio Vicente Risco de Vigo, iniciativa recoñecida nestes premios, xa que lembra que a promoción da saúde tamén pasa por unha mocidade creativa.