GÓMEZ CAAMAÑO PARTICIPA NA PRIMEIRA XORNADA DE LECER DIXITAL EN FAMILIA QUE ORGANIZA A XUNTA PARA FOMENTAR O USO RESPONSABLE DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, visitou esta mañá o Multiusos Fontes de Sar de Santiago de Compostela onde se está a celebrar a primeira edición da Xornada de benestar dixital familiar, coa que a Xunta pretende fomentar a convivencia saudable coas pantallas e cos dispositivos electrónicos dentro das unidades familiares e promover hábitos axeitados na contorna dixital.
A xornada de lecer dixital, impulsada pola Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, remarca a importancia de establecer un equilibrio entre as actividades dixitais e o tempo en familia; fomentar a busca de contidos educativos e de entretemento que acheguen valor e, tamén, definir unhas pautas de conduta dixital na que os adultos sexan modelos de comportamento para os nenos.
O evento estenderase ata as 20,00 horas e está deseñado para que poidan participar todos os integrantes da familia.
A participación no evento é de balde e non precisa de inscrición previa. As familias que desexen participar simplemente deben achegarse ata o Hall do Multiusos Fontes do Sar.
Actividades
Por unha banda, celébrase un Torneo de Mario Kart no que pais e fillos participan nun pequeno campionato interxeracional. Ademais, organízase un obradoiro no que se proporcionan pautas e ferramentas sobre os contidos axeitados para cada franxa de idade.
A terceira das actividades consiste en sesións que mesturan lecer tradicional con sesións de lecer dixital, ao fin de conxugar ambos entretementos na vida cotiá. Ademais, desenvólvese un obradoiro no que se presentan as últimas tendencias do lecer dixital e os vindeiros retos tecnolóxicos: realidade virtual, intelixencia artificial, etc.
Xunto co anterior, o evento conta con actividades formativas, habilitándose espazos de lecer e outras experiencias dixitais, na procura de xerar un ambiente máis ameno e distendido.
Ao inscribirse, completarase un formulario -mediante un código QR-, para recompilar a información sobre os hábitos dixitais familiares e os seus datos persoais, co propósito de xerar unha base de datos e así realizar un seguimento posterior da implementación do plan.
Estes cuestionarios recolleranse tanto en formato físico como por correo electrónico e almacenaranse nunha base de datos para realizar un seguimento ás catro semanas. Deste xeito, avaliaranse as novas actitudes adoptadas pola familia e o seu impacto en cada núcleo familiar.
A Consellería de Sanidade ten previsto estender a celebración desta xornada de lecer familiar e dixital a outras localidades.