Ir o contido principal

GÓMEZ CAAMAÑO PON EN VALOR A LEI QUE CONVERTERÁ GALICIA EN REFERENTE EUROPEO DE PROTECCIÓN DA SAÚDE DA INFANCIA E DE LOITA FRONTE ÁS ADICCIÓNS

Imaxe
20251014_Parlamento_proxecto_lei_protección_saude_menores_(2)_20251014143427.jpeg

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe que Galicia se converterá nun exemplo a seguir a nivel estatal e europeo coas medidas de saúde pública que promove a Xunta no proxecto de Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención de condutas adictivas, presentado hoxe no Pleno do Parlamento.

Gómez Caamaño puxo en valor que Galicia será a primeira comunidade autónoma en establecer os mesmos límites para menores ás bebidas enerxéticas que ao alcohol e tamén en equiparar os vapeadores ao tabaco, adoptando medidas ante hábitos da mocidade que mudaron profundamente na última década. 

Así, á estela de Galicia, outros territorios como Reino Unido ou Asturias anunciaron a súa intención de prohibir a menores de 16 anos o consumo de bebidas enerxéticas. Tamén a Organización Mundial da Saúde e a Unión Europea levan anos recomendando limitar o acceso destes produtos á mocidade e equiparar os vapeadores ao tabaco convencional. 

O conselleiro de Sanidade comezou a súa intervención citando datos de informes científicos e estudos médicos nos que se basea a regulación proposta pola Xunta. “Sabemos que unha soa lata de bebida enerxética de 250 mililitros pode conter o equivalente a dous cafés expresos, unha dose que en adolescentes pode provocar taquicardia, nerviosismo, irritabilidade, insomnio e, nos casos máis graves, arritmias”, afirmou.

Explicou, ademais que os cigarros electrónicos conteñen substancias tóxicas, que algunhas causan cancro e que o aerosol dos vapeadores inclúe formaldehído, acroleína e metais pesados.

Sinalou tamén que as revisións científicas amosan que os adolescentes que vapean teñen o triplo de probabilidades de empezar a fumar tabaco convencional. Por iso, “a nosa intención non é prohibir por prohibir, a nosa intención é protexer para previr”.

Unha lei que comeza pola prevención

O proxecto de Lei presentado hoxe no Pleno do Parlamento conta con 67 artigos agrupados en sete títulos. 

O primeiro título reforza os programas de educación para a saúde en centros en escolares, involúcranse tamén as familias e os Concellos para crear contornas protectoras e promover a alimentación saudable e benestar emocional.

O título II regula a oferta regulando a publicidade de alcohol e bebidas enerxéticas ou ampliando espazos libres de fume. Neste último apartado, non estará permitido fumar nin vapear en piscinas de uso público nin en marquesiñas de transporte público nin nun radio de 50 metros de centros docentes, sanitarios e edificios da administración pública. 

“Creo que é algo que todos debemos ter claro: esta lei non pretende restrinxir liberdades, senón garantir o dereito a respirar aire limpo e a medrar nun entorno saudable”, aclarou Gómez Caamaño.

Co obxectivo de acompañar e non culpar a menores que abusan do alcohol ou doutras drogas, o título III establece un protocolo sanitario e social nestes casos. “Cando un menor chega a urxencias cunha intoxicación non precisa un castigo, precisa axuda”, salientou o conselleiro de Sanidade. Desta forma, o persoal sanitario activará un protocolo de avaliación, aviso ás familias e, nos casos necesarios, derivacións a unidades de prevención de condutas adictivas ou unidades de saúde mental. 

Ademais, o Servizo Galego de Saúde incorporará, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos, intervencións preventivas de cribado en consumo de alcohol, tabaco, cannabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías dixitais. 

O título IV refírese á información e avaliación desta problemática e, por primeira vez, habilitarase un sistema de información sobre o consumo destas substancias en Galicia, a súa prevención e o seu tratamento.

Sobre o título V, que regula a organización e coordinación institucional, Gómez Caamaño lembrou que a norma non introduce novas obrigas legais para os concellos. No que respecta ao botellón, prohibido a nivel estatal, a Consellería de Sanidade pasará a asumir a potestade de sanción desta práctica para acadar unha maior eficacia. 

Ademais, para potenciar o labor municipal e social, a Consellería de Sanidade xa apoia accións preventivas fronte ás adiccións e recentemente aprobou axudas de máis de 4 millóns de euros para actividades de concellos e entidades sen ánimo de lucro.

Créase ademais a Comisión de Coordinación en materia de prevención das adiccións das persoas menores e condutas aditivas. A comisión, adscrita á Dirección Xeral de Saúde Pública, integrará distintas consellerías, concellos e representantes de entidades sociais e encargarase do estudo, coordinación e asesoramento en materia de prevención das adiccións.

Por outro lado, o título VI dedícase á inspección, que exercerán as administracións autonómica e locais, cada unha no eido das súas competencias. 

Por último, en canto a infraccións e sancións, o título VII detalla as condutas prohibidas, as sancións que implican e, de forma innovadora, inclúe a posibilidade de substituír sancións por programas para deixar de fumar, concienciarse sobre os prexuízo do alcohol ou realizar traballos en beneficio da comunidade relacionados coa conduta infractora. 

Inclusión de achegas sociais e empresariais

Gómez Caamaño destacou que esta lei é froito do traballo de numerosos profesionais sanitarios, docentes ou traballadores sociais, entre outros. 

Sobre as achegas recibidas, o conselleiro de Sanidade destacou a dos axentes implicados na prevención das adiccións e tamén de empresas “que souberon entender que a protección da saúde dos menores é un interese superior a calquera outro”. 

O titular de Sanidade rematou a súa intervención pedindo o apoio dos grupos parlamentarios a unha lei que é unha oportunidade e unha aposta polo futuro dos galegos.