Ir o contido principal

A GRIPE EN GALICIA MANTÉN UNHA INTENSIDADE BAIXA E UNHA TENDENCIA ESTABLE

Imaxe
Máscara_20250410172508.jpg

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, publica na súa páxina web o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana 14 do ano, que determina que a intensidade da gripe en Galicia se mantén baixa e con tendencia estable.

Segundo os datos, a taxa de consultas por gripe nos servizos de atención primaria diminuíu un 22 % e fica en 25,8 por 100.000 habitantes. O descenso da taxa obsérvase en todos os grupos de idade, agás no de 0 a 4 anos, no que aumentou un 14 %. Por áreas sanitarias, a taxa de consultas foi inferior á da semana anterior en todas elas. 

A rede de farmacias sentinela, que nesta campaña están a remitir os seus datos á Dirección Xeral de Saúde Pública, reflicte que a taxa de dispensación de antigripais e probas de antíxenos descendeu respecto da semana anterior. 

En canto aos ingresos hospitalarios, na semana 14 do ano ingresaron 191 persoas con gripe confirmada, un 1 % menos que na semana anterior (193). A taxa de ingresos no conxunto da poboación foi de 7,1 por 100.000 habitantes, sendo o grupo de 80 e máis anos o único no que a taxa aumentou. En canto ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos só aumentou na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, e moi lixeiramente na de Santiago de Compostela e Barbanza.

No que vai de tempada, notificáronse 3.297 ingresos por gripe, a maioría deles, 2.883, con virus do tipo A.

Respecto da positividade das mostras estudadas para virus do tipo A, foi do 14,2 %, o que supón un descenso respecto da semana anterior (15,3 %). A positividade das mostras estudadas para virus do tipo B foi do 0,4 %, polo que a positividade dos virus da gripe foi do 14,6 %, inferior á da semana anterior (16 %).

O informe de actividade das infeccións respiratorias agudas indica que ingresaron 14 persoas con covid confirmada, un 39 % menos que na semana previa (23 ingresos). Por grupos de idade, a taxa non aumentou en ningún deles e en relación ás áreas sanitarias, observouse certa estabilidade, con lixeiro ascenso na área de Pontevedra-O Salnés.

Estimación

Segundo se recolle no informe, a estimación puntual do modelo de predición suxire que nas vindeiras dúas semanas a taxa de consultas por gripe descenda de 25,8 consultas por 100.000 habitantes a 22,5 e 20,1 nas semanas 15 e 16.


O escenario desta semana amosa unha tendencia decrecente da actividade gripal, observándose unha diminución da taxa de consultas do 22,2 % en comparación coa semana previa.


Polos datos deste informe, consolídase a tendencia decrecente da actividade gripal, que descendeu un 53,6 % nas últimas seis semanas, cun descenso medio semanal do 9 %. De seguir con esta tendencia, é posible que na vindeira semana se acade o nivel basal e se poida dar finalizada a onda de gripe. 

A Xunta lembra a recomendación do uso da máscara en pacientes con síntomas respiratorios, ademais dos seus acompañantes e visitas, e no caso dos profesionais que os atenden, así como en determinados grupos de risco ou dispositivos asistenciais como poden ser as urxencias hospitalarias.