A ONDA EPIDÉMICA DE GRIPE MANTÉN UNHA INTENSIDADE BAIXA CON TENDENCIA CRECENTE
A Consellería de Sanidade publica, na súa páxina web, o informe de actividade das infeccións respiratorias agudas correspondente á semana do 10 ao 16 de novembro e cualifica a actividade gripal en Galicia con intensidade baixa e tendencia crecente.
O escenario desta semana é semellante ao observado na semana anterior e aumenta a taxa de consultas por gripe en atención primaria, se ben de forma non tan acusada: esta semana aumentou un 13,5 % fronte ao 64 % da semana previa.
A taxa sitúase en 51,4 consultas por 100.000 habitantes. Produciuse aumento da taxa en todos os grupos de idade, con excepción do de maiores de 80 anos, no que permaneceu estable.
Os grupos coa maior taxa de consultas seguen a ser o de 0 a 4 anos con 105,8 consultas por 100.000 habitantes; seguido do de 5 a 19 anos, con 95,2 consultas por 100.000 habitantes. Por área sanitaria, incrementouse en todas agás nas da Coruña e Cee e na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
Ao igual que na semana anterior, obsérvase unha predominancia e tamén un aumento da porcentaxe de positividade para o virus tipo A, que adoita afectar con maior frecuencia á poboación de maior idade e polo tanto, causar un maior número de hospitalizacións.
En canto aos ingresos hospitalarios, na última semana ingresaron 209 persoas con gripe confirmada, isto é un 8 % máis que a semana anterior (193 ingresos). Por grupos de idade só se observou un aumento da taxa no grupo de maiores de 80 anos (do 8 %), que segue a ser o grupo co valor máis elevado, con 38,6 ingresos por 100.000 habitantes. En canto ás áreas sanitarias, a taxa de ingresos aumentou en todas con excepción das da Coruña, de Pontevedra e de Vigo.
No que vai de temporada da gripe notificáronse 810 ingresos, a maioría deles con virus tipo A.
Recomendacións
A Consellería de Sanidade recomenda o uso da máscara en determinadas situacións, aínda que non se teñan síntomas.
En concreto, é recomendable utilizar máscara nos centros de saúde, nos puntos de atención continuada e nos servizos de urxencias hospitalarias.
En canto ao resto de estancias dos hospitais, a recomendación do uso da máscara indícase nos servizos que atendan pacientes vulnerables, como son as unidades de coidados intensivos e pacientes críticos, unidades de reanimación, de pacientes transplantados, oncolóxicos e hematolóxicos, unidades de diálise e hospitais de día.
É importante tamén, de ter síntomas, diminuír as reunións sociais, manter a distancia interpersoal e medidas de ventilación adecuadas.
Para previr complicacións por infeccións respiratorias, continúa en marcha a campaña de vacinación fronte á gripe e a covid. A poboación diana que fose citada por SMS e non teña acudido pode volver solicitar día e hora con enfermería para vacinarse no seu centro de saúde.