Ir o contido principal

A REDE GALEGA DE PROMOCIÓN DA SAÚDE DA CONSELLERÍA DE SANIDADE PARTICIPARÁ NA II FEIRA SAÚDE E SOCIEDADE QUE SE CELEBRA MAÑÁ NA CORUÑA

Imaxe
Espazo de coñecemento sobre a situación da saúde pública en Galicia

A Consellería de Sanidade, a través da súa Rede Galega de Promoción da Saúde (REGAPS), dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública, participa este 15 de maio na II Feira Saúde e Sociedade, organizada por UDC Saudable e o Concello da Coruña con motivo do Día Europeo da Obesidade.

A participación nesta feira representa un exemplo de colaboración institucional e comunitaria para avanzar cara a contornas máis saudables e reforza a visión do Plan Obesidade Zero da Xunta como unha estratexia comunitaria, integral, transversal e orientada á mellora da saúde da poboación.

A presenza neste encontro reforza o compromiso do Goberno galego coa promoción de saúde desde a comunidade e coa creación de contornas que faciliten hábitos de vida saudables entre a poboación.

Neste marco, as universidades saudables constitúen un ámbito de actuación estratéxico para o Plan Obesidade Zero, ao seren espazos nos que se aprende, se convive e se consolidan comportamentos relacionados coa alimentación, a actividade física e o benestar emocional.

As universidades son contornas privilexiadas para impulsar cambios nos hábitos de vida e promover estilos de vida saudables entre o alumnado, o persoal e o conxunto da comunidade universitaria. Ademais da súa función académica e investigadora, poden desempeñar un papel relevante como axentes de transformación social e promoción da saúde.

O eixo de modificación de contornas do Plan Obesidade Zero da Xunta aposta precisamente pola creación de espazos que favorezan opcións saudables e as integren na vida cotiá das persoas. No ámbito universitario, isto tradúcese en iniciativas orientadas a fomentar a alimentación equilibrada, a práctica regular de actividade física, a socialización saudable e a prevención de factores de risco.