TUBERCULOSE: UNHA ENFERMIDADE PREVIBLE E CURABLE QUE NON DISCRIMINA
Coincidindo coa celebración hoxe do seu Día Mundial, a Unidade de Tuberculose de Ourense súmase ao obxectivo da Organización Mundial da Saúde (OMS) de erradicar esta enfermidade, lembrando que a TB non discrimina por idade, sexo, nacionalidade ou condición social, e alertan sobre o estigma que non favorece o diagnóstico precoz, vía para evitar a diseminación e facilitar o tratamento.
Segundo o último informe do Programa Galego de Prevención e Control da Tuberculose, que se ven de publicar, desde esta unidade de referencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras notificáronse en 2024 un total de 27 casos de tuberculose, cunha taxa de 8,9 por cada 100.000 habitantes. Datos que confirman que a enfermidade se mantén en niveis baixos na provincia, moi por debaixo das cifras rexistradas nos anos noventa.
A evolución das últimas décadas amosa unha tendencia xeral descendente, con pequenas oscilacións anuais propias de áreas con baixa transmisión. Así, tras o mínimo de 2022, con 23 casos, rexistrouse unha subida puntual en 2023 (34 casos) e unha nova baixada en 2024, sen indicios de cambio estrutural na tendencia.
Pese aos datos positivos, as autoridades sanitarias advirten dun incremento na súa circulación nos vindeiros anos, por mor de factores como da globalización e a elevada mobilidade da poboación, que poden favorecer a transmisión se non se detectan de forma precoz. complicando así o obxectivo de la OMS de reducir a incidencia nun 80% para 2030.
Unidade específica de control da tuberculose
A Unidade de Tuberculose de Ourense, situada no Centro de Especialidades, está formada por un equipo multidisciplinar composto pola pneumóloga Raquel Dacal, a enfermeira Cristina López e a traballadora social María Suárez, que se responsabilizan do diagnóstico, seguimento dos pacientes, estudo de contactos e tratamento, mantendo unha estreita coordinación con atención primaria e os servizos de Pneumoloxía e Preventiva do Hospital Universitario, así como con Saúde Pública.
As tarefas coordinadas polas Unidades de Tuberculose: diagnóstico precoz, estudo de contactos de cada paciente e a correcta adherencia ao tratamento, incluso con tratamentos directamente observados, en consulta, son clave no descenso sostido nas últimas décadas, pero como lembra a súa responsable en Ourense, Raquel Dacal “a tuberculose non está erradicada e require unha vixilancia continua”.
De feito a pneumóloga responsable da UTB recomenda “solicitar unha valoración médica ante unha tose persistente de máis de 2-3 semanas” especialmente, no caso de pacientes fumadores, con inmunodepresión, que estivesen en contacto cun enfermo de tuberculose, ou realizasen recentemente unha viaxe a un país con alta taxa de contaxios.
Liberar de estigmas a tuberculose
O perfil epidemiolóxico da tuberculose en Ourense, común ao resto de Galicia, indica que a maioría dos diagnósticos se corresponden con casos novos -as recaídas non son moi frecuentes-. A forma clínica máis habitual é a pulmonar, responsable de ao redor de dous de cada tres casos, fronte ás localizacións extrapulmonares.
Ademais, obsérvase un predominio dos diagnósticos en homes de idade adulta, patrón habitual nos países de baixa incidencia. O tabaquismo continúa sendo o principal factor de risco identificado, presente nunha parte relevante dos pacientes, seguido da inmunosupresión.
Segundo explica a doutora Dacal “a enfermidade pode afectar a calquera persoa, e non discrimina por idade, sexo, nacionalidade, medios económicos ou condición social”, e subliña que son precisamente os estigmas, que asocian a tuberculose a un medio marxinal ou vulnerable o que as veces dificulta o diagnóstico precoz, clave para o control da transmisión .
Transmisión, diagnóstico e tratamento
A tuberculose é unha enfermidade infecciosa causada pola bacteria Mycobacterium tuberculosis que se transmite polo aire cando unha persoa enferma tuse, esbirra ou fala. Non se contaxia polo contacto físico, nin por compartir obxectos ou alimentos.
O diagnóstico baséase en probas específicas como a tuberculina (ou Mantoux), IGRA, análises microbiolóxicas de esputo e radiografías de tórax. Tras a exposición ao bacilo, pode existir un período “ventana” de varias semanas durante o cal as probas iniciais poden resultar negativas, polo que o seguimento clínico é esencial.
O tratamento consiste na administración de antibióticos durante un período de seis meses. Cando este se completa correctamente, a tuberculose é curable. Pola contra, a interrupción do tratamento pode favorecer a aparición de cepas resistentes, que complican o control da enfermidade.