A XUNTA AVANZA NA LOITA CONTRA O CANCRO DE PULMÓN COA AMPLIACIÓN DO SEU PROGRAMA PILOTO A TODA GALICIA
A Xunta avanza na loita contra o cancro de pulmón coa ampliación a toda Galicia do seu programa piloto de cribado LUNG-GAL, que coordina a Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.
A Xunta decidiu a ampliación do programa piloto de cribado ante os resultados acadados na iniciativa que comezou o pasado ano de forma pioneira na área sanitaria da Coruña e Cee, no que tres dos cinco cancros de pulmón que se detectaron (o 60%) foi en estadios precoces.
O programa piloto esténdese agora a toda Galicia, coa invitación a arredor de 48.000 persoas distribuídas do seguinte xeito, segundo áreas sanitarias: A Coruña con aproximadamente 8.200 invitacións; Pontevedra preto de 3.940; Lugo arredor de 7.850; Ourense unhas 2.915; Vigo preto de 9.115, Santiago de Compostela unhas 8.983 e Ferrol aproximadamente 6.970.
Tras ter feito as primeiras invitacións por sms, xa responderon á enquisa 1.560 persoas. Destas persoas, 239 son fumadoras activas, 98 solicitaron cita no seu centro de saúde para deixar de fumar e 236 mostran interese en participar no programa piloto de detección precoz mediante TAC de baixa dose, no caso de cumprir criterios de inclusión.
En canto aos ex-fumadores que deixaron de fumar nos últimos dez anos, cinco responderon á enquisa e catro amosáronse dispostos a participar nesta iniciativa.
Día mundial contra o cancro de pulmón
A Xunta lembra que a prevención e a detección temperá son claves para reducir a mortalidade por cancro de pulmón e insta á poboación a aproveitar os servizos de apoio para abandonar o tabaco e participar nas iniciativas sanitarias dispoñibles.
O compromiso de Galicia coa saúde pública e a innovación médica reforza a mensaxe de esperanza e acción conxunta no Día Mundial contra o do Cancro de Pulmón, que se conmemora hoxe e no que o Executivo galego subliña os avances na loita contra esta enfermidade, centrando os seus esforzos na detección precoz e na prevención do tabaquismo, principal factor de risco.