A XUNTA CONVOCA 50 PRAZAS DO CURSO DE DIPLOMADO EN SAÚDE PÚBLICA, CON ACREDITACIÓN A NIVEL NACIONAL

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do curso de Diplomado en Saúde Pública que se realizará a través da Escola galega de saúde pública e da Axencia galega de coñecemento en saúde (ACIS), acreditado pola Escola nacional de sanidade e con validez en todo o territorio nacional.
O obxectivo deste curso é proporcionar ao profesional da saúde un coñecemento máis profundo das diversas disciplinas da área da saúde pública e dar a coñecer os instrumentos imprescindibles que se utilizan para a interpretación, control e avaliación dos problemas de saúde.
O curso estrutúrase en 200 horas teóricas na modalidade de teleformación e 75 horas prácticas, coa realización dun traballo final.
A parte teórica desenvolverase do 3 de novembro de 2025 ao 25 de maio de 2026. A defensa do traballo final, nun acto presencial, realizarase os días 21 e 22 de setembro do ano que vén.
Para cursar o Diplomado en Saúde Pública deberase estar en posesión de licenciatura, diplomatura ou grao universitario ou equivalente no sector sanitario ou ser profesional titulado universitario que desempeñe funcións no ámbito sanitario no momento de finalizar o prazo de presentación de instancias.
O curso diríxese preferentemente a profesionais con interese na saúde pública, que prestan servizos no Sistema Público de Saúde de Galicia, ou que pretenden acceder a el, e ten un prezo de 800 euros.
Ofértanse 50 prazas, das que se reservan dez a profesionais da Dirección Xeral de Saúde Pública e das direccións territoriais da Consellería de Sanidade.
As solicitudes poden presentarse a partir de mañá venres ata o 30 de setembro, na dirección de correo electrónico escola.saude.publica@sergas.es.