A XUNTA CREA O CONSELLO TÉCNICO ASESOR DOS PROGRAMAS DE DETECCIÓN PRECOZ DE CANCRO, QUE FACILITARÁ A PARTICIPACIÓN DA SOCIEDADE NA COORDINACIÓN DOS CRIBADOS ONCOLÓXICOS
A Xunta creará o Consello Técnico Asesor dos Programas de Detección Precoz de Cancro, un órgano colexiado de carácter consultivo que facilitará a participación da sociedade na coordinación dos cribados oncolóxicos, ademais de servir de espazo de análise e apoio experto.
O Executivo que preside Alfonso Rueda abordou hoxe, na súa reunión semanal, un informe da Consellería de Sanidade sobre a orde de creación deste novo consello asesor, que consta dun total de 15 artigos, unha disposición adicional e unha derradeira.
Mediante esta iniciativa, a Xunta dá un novo impulso á loita contra o cancro, posto que, ademais de contar coa representación dos pacientes, o novo consello reunirá profesionais de diferentes ámbitos para fortalecer a mellora continua dos programas de cribado, o que suporá máis participación na coordinación, máis coñecemento e mellores decisións para salvar vidas.
Este consello técnico contribuirá, así mesmo, a incorporar con maior rapidez os avances científicos e tecnolóxicos aos programas de detección precoz, co que a prevención se sitúa no centro da sanidade galega.
Esta nova iniciativa da Xunta é un paso máis para coordinar as propostas de mellora no eido de todos os cribados oncolóxicos, creando unha visión común e integrada para mellorar a eficacia dos programas de detección precoz.
Así mesmo, esta medida suporá máis confianza para a cidadanía e máis calidade para o sistema sanitario, posto que o novo órgano reforzará a avaliación dos programas e favorecerá unha maior participación nos cribados.
Coa creación deste Consello Técnico Asesor, a Xunta dá cumprimento ao compromiso adquirido cos representantes da Asociación Española contra o Cancro en Galicia.
Coordinación asistencial
Os programas de detección precoz permiten identificar determinados cancros en fases iniciais, o que incrementa as posibilidades de tratamento con éxito, mellora o prognóstico e contribúe a reducir a carga asistencial e social da enfermidade.
En consecuencia, o novo consello nace para ofrecer unha visión técnica cualificada sobre a estratexia, implantación, seguimento e avaliación dos programas de cribado, integrando coñecemento de diferentes perfís profesionais e favorecendo a coordinación entre ámbitos asistenciais, especialmente entre a atención primaria, a hospitalaria e saúde pública.
O consello que se crea contará cunha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría e 11 vogalías designadas entre perfís expertos en epidemioloxía, oncoloxía, medicina preventiva, xenética e outras áreas vinculadas aos programas de detección precoz, ademais da representación de pacientes. Deste xeito, garántese unha visión plural, interdisciplinar e orientada á mellora continua. O nomeamento das persoas integrantes será por un período inicial de tres anos.
Funcións
O Consello formulará informes, propostas, recomendacións e memorias anuais, ademais de promover a formación e a información a profesionais, persoas usuarias e familias. Xunto ao anterior, impulsará a investigación e revisará a avaliación global dos programas de cribado, para propoñer modificacións cando sexa necesario.
Tamén poderá traballar a través de grupos específicos e contar con persoas expertas convidadas, o que lle dará flexibilidade para abordar cuestións concretas con maior profundidade técnica.
Para avanzar na transparencia e na implicación das persoas usuarias, divulgaranse os informes e recomendacións do Consello a través do Observatorio de Saúde Pública de Galicia.
Cómpre lembrar que os programas de detección precoz de cancro levan anos implantados en Galicia como instrumentos fundamentais de saúde pública, con especial relevancia na detección precoz do cancro de mama, colorrectal e cérvix, aos que hai que engadir os proxectos piloto de detección precoz de cancro de próstata e pulmón, que están a amosar resultados moi positivos, coa detección dunha alta porcentaxe de casos en fases temperás.