Ir o contido principal

A XUNTA DESACTIVA AS ALERTAS POR EPISODIO DE CALOR

Imaxe
Calor_20260614111441.jpg

No marco do Plan de actuacións da Xunta de Galicia fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, este domingo desactívanse as alertas por episodio de calor.

Segundo os datos de MeteoSalud e por Meteogalicia, para a xornada deste domingo as temperaturas volven ser as habituais para esta época do ano.

Recomendacións xerais para a poboación

Os principais grupos de risco ante os efectos da calor son: persoas maiores de 65 anos e nenos menores de 4 anos, sobre todo os menores dun ano; persoas que padecen patoloxías: enfermidades cardiovasculares (enfermidade cerebrovascular, insuficiencia cardíaca, arteriopatía periférica), diabetes mellitus, enfermidade pulmonar obstrutiva crónica, insuficiencia renal, enfermidade de párkinson, enfermidade de Alzheimer ou patoloxías similares, enfermidade psiquiátrica; persoas que tomen determinados fármacos ou tóxicos: fármacos con efecto anticolinérxico, diuréticos, consumo importante de alcol, etc.; e persoas en determinadas situacións: maiores que viven sós, persoas de risco que viven en vivendas mal acondicionadas, persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, traballadores, deportistas ou aquelas que pasan varias horas en exteriores, etc.

A Consellería de Sanidade lembra os principais consellos e recomendacións que debe seguir a poboación: beber máis líquidos sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos; evitar bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou cola e as moi azucradas; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; comer menos cantidade e máis veces ao día; manter os alimentos no frigorífico e vixiar sempre as medidas hixiénicas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiro, lentes de sol e cremas protectoras solares, así como calzado fresco, cómodo e que transpire; permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra; utilizar as habitacións máis frescas da vivenda; durante o día baixar as persianas e pechar as xanelas, abrilas pola noite para ventilar; evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física; e cando se estacione o coche, non deixar no interior nenos, nin anciáns coas xanelas pechadas.

No caso de sufrir esgotamento ou un golpe de calor, recoméndase solicitar axuda médica urxente chamando ao 061.

Mentres chega a asistencia, pódese tentar baixar a temperatura do afectado trasladándoo á sombra ou a un lugar fresco e tranquilo, arrefriarlle o corpo, mollar con auga fresca e abanar e hidratar sempre que estea consciente, dándolle pequenos grolos de auga fresca ou bebidas minerais. 

Se está inconsciente, cómpre deixalo de lado coas pernas flexionadas e non ofrecerlle líquidos.

Efectos sobre a saúde

A exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareos, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpes de calor. A maioría das enfermidades asociadas á calor son consecuencia máis ou menos grave dun fallo no sistema de termorregulación. 

A calor excesiva pode alterar as nosas funcións vitais se o corpo humano non é capaz de compensar as súas variacións de temperatura. Unha temperatura moi elevada produce perda de líquidos e de electrólitos que son necesarios para o funcionamento normal dos distintos órganos. 

Ademais, os mecanismos de termorregulación poden verse descompensados nalgunhas persoas con determinadas enfermidades crónicas, sometidas a certos tratamentos médicos e con discapacidades que limitan a súa autonomía.