A XUNTA DESTACA O LIDERADO DE GALICIA NA TRANSFORMACIÓN DIXITAL DO CONTROL OFICIAL DA CADEA ALIMENTARIA
A Consellería de Sanidade da Xunta participou na xornada Presente e futuro do control oficial en España: Plan Nacional de Control Oficial da Cadea Alimentaria 2026-2030, organizada pola Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN), onde se puxo en valor o papel de Galicia como referente estatal na transformación dixital deste ámbito.
A subdirectora xeral de Saúde Ambiental e Seguridade Alimentaria, Inés Mato, participou como representante da Dirección Xeral de Saúde Pública na mesa redonda centrada na innovación tecnolóxica e na dixitalización, baixo o título, Cara a un control oficial dixital e integrado: a folla de ruta de Galicia.
A participación de Galicia nesta mesa, que tivo lugar no Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, produciuse por invitación expresa da Axencia Española, co obxectivo de compartir unha boa práctica recoñecida a nivel estatal no ámbito da modernización dos sistemas de control oficial da cadea alimentaria.
Transformación dixital integral
Durante a súa intervención, Inés Mato destacou que Galicia leva anos apostando por unha transformación dixital integral, baseada na integración de tecnoloxía, organización, procesos e persoas, que permite avanzar cara un modelo de control oficial máis eficiente, homoxéneo e baseado en datos.
Neste sentido, salientou ferramentas como o sistema HERME e a súa evolución cara a dispositivos móbiles, que posibilitan a realización de inspeccións in situ con actas electrónicas, así como a consulta da información en tempo real en todo o territorio galego.
Esta evolución permitiu que unha parte moi significativa das actas de inspección sexan xa dixitais, reducindo cargas administrativas e mellorando a calidade e explotación da información dispoñible.
A representante galega incidiu, tamén, en que a transformación dixital en Galicia está centrada nas persoas, facendo fincapé na formación continua do persoal inspector e na súa implicación no proceso de cambio, como elemento clave para o éxito do modelo.
Así mesmo, puxo en valor o avance cara á integración de todos os sistemas de control oficial —inspección, laboratorio e xestión— nun ecosistema dixital único, que permitirá unha mellor toma de decisións baseada en datos e unha maior coordinación administrativa.
A Consellería de Sanidade reafirma, deste xeito, o compromiso da Xunta de Galicia coa innovación e a modernización dos servizos públicos, consolidando á comunidade como referente na aplicación de solucións dixitais no ámbito da saúde pública e da seguridade alimentaria.