A XUNTA DESTINA 36.300 EUROS A AMPLIAR O CONVENIO ENTRE SANIDADE E A USC PARA A VIXILANCIA DE ENFERMIDADES NOS ANIMAIS DE ABASTO SACRIFICADOS EN GALICIA
O Consello da Xunta autorizou a addenda e prórroga, por un período de dous anos, do convenio de cooperación asinado en maio do 2023 entre a Consellería de Sanidade e a Universidade de Santiago de Compostela para a participación conxunta no estudo das enfermidades nos animais de abasto sacrificados en Galicia. Para tal fin, nos vindeiros dous anos, o Executivo galego achegará 36.300 euros no marco de este acordo.
Froito deste convenio, a Consellería de Sanidade está a colaborar co departamento de Anatomía Patolóxica da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela, que ofrece un servizo de apoio diagnóstico.
O traballo colaborativo entre a Consellería de Sanidade e a USC iniciado no ano 2023 está a optimizar o control da seguridade alimentaria na comunidade, mellorando as posibilidades de identificación das lesións atopadas nos animais de abasto sacrificados en Galicia.
Ao mesmo tempo, esta cooperación posibilita o establecemento de criterios técnicos contrastados para a súa aplicación en supostos que son susceptibles de interpretacións diversas, desde o punto de vista da seguridade alimentaria.
Na obtención de carnes frescas destinadas á alimentación humana, os servizos veterinarios oficiais dependentes da Dirección Xeral de Saúde Pública asignados aos matadoiros teñen, entre outras funcións, a responsabilidade de ditaminar a aptitude para o consumo das carnes e vísceras procedentes dos animais sacrificados nestes establecementos.
Para poder elaborar o dito ditame, os veterinarios deberán proceder, entre outras inspeccións, a un exhaustivo exame postmortem das canais e as súas vísceras.
En consecuencia, a interpretación dos mecanismos patoxénicos, a toma de decisións para o ditame final da inspección sobre a base de criterios científicos e a identificación de riscos para a seguridade alimentaria, son elementos indispensables para lograr a garantía dun control exhaustivo.
Atlas de enfermidades
A Consellería de Sanidade hai tempo que está a aplicar as novas tecnoloxías na inspección, o que obriga a explorar todas as vantaxes que ofrecen estas ferramentas para mellorar a vixilancia e o control.
Así, os dispositivos cos que traballan os servizos veterinarios permiten a toma e envío de fotografías no momento da inspección para aqueles casos en que se atopen dificultades para alcanzar un diagnóstico.
Deste xeito, lógrase un servizo de soporte especializado, on line, para os veterinarios oficiais de Saúde Pública da Consellería de Sanidade destinados nos matadoiros.
Con isto, non só se proporciona formación continua, senón que este apoio permite vixiar as enfermidades animais e asesorar en consultas científicas relacionadas con lesións postmortem detectadas polos servizos oficiais nos matadoiros de Galicia.
Toda esta información de estudo e revisión, así como todos os casos analizados, permitirán ao departamento sanitario da Xunta elaborar un atlas de enfermidades detectadas nos matadoiros galegos que seguirá un formato de guía de consulta rápida, práctica e atractiva, que incluirá as lesións máis comúns presentes na inspección veterinaria en matadoiros da nosa comunidade.
Actualmente, as consultas realizadas polos servizos de control oficial veterinario nos matadoiros pódense visualizar a través da páxina da Dirección Xeral de Saúde Pública denominada Vetmaga (Anatomía Patolóxica - Consultas - Contidos taxonómicos).