A XUNTA DIAGNOSTICA 105 CANCROS DE COLO UTERINO GRAZAS AO PROGRAMA DE DETECCIÓN PRECOZ, O 75,7 % EN FASE INICIAL
O Programa galego de detección precoz de cancro de cérvix, posto en marcha pola Xunta no ano 2021, diagnosticou, ata o 31 de decembro de 2025, un total de 105 cancros, dos que o 75,7 % estaban en fase inicial. Desta forma, o cribado mellora as posibilidades de tratamento e supervivencia das pacientes.
A Consellería de Sanidade, coincidindo co Día Mundial da prevención do cancro de colo de útero que se conmemora hoxe, fai balance do programa que a Xunta iniciou na área de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos no ano 2021 e que, na actualidade, está implantado en toda Galicia.
Dos 105 cancros diagnosticados, 11 corresponden á area sanitaria de Ferrol; 9 á de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; 9 á de Pontevedra e O Salnés; 13 á de Coruña e Cee; 21 á de Santiago de Compostela e Barbanza; 28 á de Vigo e 14 á de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
Desde o comezo do programa, a Consellería de Sanidade invitou a participar a 397.877 mulleres, o que representa preto do 65 % das mulleres de 35 a 65 anos. Destas preto de 400.000 mulleres invitadas, o 62,55 % aceptou participar escollendo no 42,7 % dos casos cita con matronas e no 57,3 % dos casos autotoma.
Ao longo deste ano 2026, a Xunta incorporará ao programa as mulleres de 25 a 35 anos.
Das 248.872 mulleres que participaron, un 6,9 % resultaron positivas a algún xenotipo de alto risco do virus do papiloma humano.
Ademais, no período que vai desde o inicio do programa e ata decembro de 2025, diagnosticáronse e tratáronse preto de 3.000 lesións precancerosas, o que se traduce nun impacto á baixa na incidencia da enfermidade, posto que algunha desas lesións evolucionarían co tempo ata desenvolver un cancro de cérvix.
Como participar
A poboación diana deste cribado son as mulleres de 35 a 65 anos residentes en Galicia e con cobertura sanitaria polo sistema público. A invitación realízase mediante carta ou SMS. As mulleres que aceptan participar poden escoller entre recoller a mostra cun dispositivo de autotoma (que reciben no seu domicilio) ou cita coa matrona para realizar a proba.
A proba primaria de cribado é a detección de infección polo virus de papiloma humano de alto risco (VPH-AR). Se esta proba é negativa, repetirase aos cinco anos.
Se a proba é positiva, non implica ter cancro necesariamente. É preciso verificar que non existen anomalías nas células, polo que se realizará unha citoloxía. Segundo o xenotipo do virus así como o resultado da citoloxía, estableceranse diferentes actuacións clínicas: seguimento nun período de tempo variable mediante repetición de probas ou derivación a colposcopia para descartar presenza dunha lesión premaligna ou maligna do colo do útero.
Toda muller derivada a colposcopia recibirá, xunto coa cita xestionada polo programa de cribado, unha folla informativa sobre a realización da proba e os posibles resultados.
Unha vez realizada a colposcopia e biopsiadas, se é o caso, as lesións suxestivas de malignidade, faise unha avaliación individual do risco en función do resultado da anatomía patolóxica e establecerase o seguimento adecuado. Este resultado da avaliación comunícaselle por carta á persoa interesada.
No caso de que se detecte algunha lesión premaligna ou cancro, o programa xestiona directamente unha cita no Servizo de Xinecoloxía correspondente.
A Xunta tamén anunciou a finais do pasado ano a extensión do cribado de cancro de cérvix, ademais do de colon, ao conxunto de centros penitenciarios da comunidade galega.
Vacinación
Desde 2008 a Xunta ofrece, no caso das nenas, e desde 2022 en nenos, a vacina fronte ao virus do papiloma humano ao cumpriren os 12 anos. En setembro de 2024, o Executivo galego anticipouse en varios meses ás recomendacións da Comisión Nacional de Saúde Pública e ampliou a vacinación a todos os nenos ata 18 anos. Esta vacinación ampliouse de novo en maio do pasado ano, elevándoa ata os 21 anos.