Ir o contido principal

A XUNTA DIAGNOSTICA 2 DE CADA 3 CANCROS DE COLON EN FASES PRECOCES, O QUE PERMITE TRATAMENTOS MÁIS EFICACES E MAIOR SUPERVIVENCIA

Imaxe
colon_20260330144046.jpg

A Xunta diagnostica dous de cada tres cancros de colon en fases precoces, segundo conclúe o informe de situación e resultados 2013-2024 do programa galego de detección precoz do cancro colorrectal da Consellería de Sanidade. Este diagnóstico temperá permite aplicar tratamentos máis eficaces e maior supervivencia. 

O Consello da Xunta coñeceu hoxe, día previo á conmemoración do Día mundial contra o cancro de colon, un informe no que se detalla que o 65,81 % dos cancros detectados se atopaban en estadios I e II, tras máis dunha década de cribado.

Neste período, a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, remitiu 2,5 millóns de invitacións a participar no cribado, destinado a persoas de 50 a 69 anos. Realizáronse 98.000 colonoscopias, das cales 66.000 foron tras un resultado positivo no test de cribado e o resto, de seguimento tras extirpación de lesións precursoras nunha desas colonoscopias.

Desde o ano 2022, a Consellería de Sanidade remite un kit de autotoma aos domicilios de toda a poboación á que se dirixe o cribado. O test de sangue oculta en feces é unha proba non invasiva que só precisa da recollida dunha mostra na casa e a súa entrega posterior no centro de saúde. 

Se o resultado é negativo, enviarase de novo o kit de autotoma aos dous anos, sen necesidade de ter que solicitalo. 

O test de sangue oculto en feces resultou positivo no 5,58 % das probas realizadas. Nese caso, debería realizarse unha colonoscopia que, cunha única proba, permite diagnosticar e retirar lesións como pólipos ou adenomas. Desta forma, ademais de detectar cancros, evítase que lesións premalignas evolucionen na enfermidade. 

Desde o inicio do programa de cribado identificáronse máis de 26.000 lesións que requiren seguimento ou tratamento e 2.933 cancros invasivos, a maioría en fases iniciais con mellor prognóstico. 

A decisión da Xunta de aumentar a proactividade do cribado co envío dos kits á casa, sen necesidade de aceptar previamente unha invitación, supuxo un incremento na participación. A participación global de 2013 a 2024 foi do 49,2 %, mentres que no último ano analizado mantivo unha tendencia ascendente ata alcanzar o 56,5 %. Reflíctese no informe a participación superior das mulleres (sete puntos porcentuais por enriba dos homes), especialmente na primeira rolda de cribado. 

A Xunta fai un chamamento á participación masculina no cribado, xa que os homes teñen un maior risco de padecer cancro colorrectal, polo que o seu potencial beneficio no cribado é maior. 

Para previr a enfermidade, é fundamental manter hábitos de vida saudables. Unha dieta atlántica rica en produtos frescos, peixe, verduras e alimentos de proximidade, xunto con actividade física, reduce o risco de desenvolver cancro.

Detección precoz personalizada

O cancro colorrectal é o tumor máis frecuente en homes e mulleres e a segunda causa de morte por cancro en Galicia. En concreto, no ano 2023 causou 1.098 defuncións. 

A Xunta, ademais deste cribado poboación, inclúe no proxecto Xenoma Galicia a identificación de variantes xenéticas de alto risco para a Síndrome de Lynch asociada, entre outros, ao desenvolvemento do cancro de colon.

Este ambicioso proxecto de investigación xenómica da Xunta tamén detecta o risco de padecer cancro de mama e ovario hereditario entre as persoas participantes, desde os 35 anos. No referente ao cancro de mama, Galicia lidera unha investigación a nivel nacional, o modelo Mamorisk, que pretende validar un sistema de clasificación en función do risco que podería permitir un cribado personalizado e non só en base ao criterio de idade en cada muller.

Ademais, a Xunta está a desenvolver dous proxectos pilotos de cribados de cancro para valorar a súa posible implantación en toda Galicia. Por unha banda, o de pulmón, en fase piloto nas sete áreas sanitarias, e pola outra, o de próstata, na área de Ferrol. No caso da súa validación en función da evidencia científica, e sempre que o análise da súa factibilidade así o aconselle, uniríanse aos tres cribados consolidados de cérvix, de cancro de mama e de colon.