A XUNTA DISPÓN UN SERVIZO DE AUTOBÚS GRATUÍTO PARA FACILITAR A PARTICIPACIÓN NO PROGRAMA DE CRIBADO DE CANCRO DE MAMA ÁS VECIÑAS DE MASIDE
A Xunta de Galicia habilitará un servizo de autobús gratuíto para facilitar o transporte das veciñas de Maside ao Departamento Territorial de Sanidade de Ourense, promovendo así a participación no Programa Galego de Detección Precoz de Cancro de Mama, que, en Galicia, está dirixido ás mulleres de idades comprendidas entre os 50 e os 74 anos.
A Consellería de Sanidade enviou onte mesmo as mensaxes, vía SMS, ás veciñas de Maside citadas entre o 30 de xuño e o 6 de xullo para realizar a exploración, unha mamografía. Para facilitar os desprazamentos, durante este período habilitarase un servizo de autobús ida e volta, gratuíto e directo ao punto de realización da proba, facendo paradas en distintos puntos do municipio.
Ofertaranse dous horarios de saída. O primeiro destinado ás mulleres citadas entre as 9.00 e as 10.15 horas, mentres que o segundo será para as usuarias convocadas a partir das 12.45 horas. Os puntos e horarios das paradas son os seguintes:
- Louredo (no Centro Social): 07.50 h e 11.30 h.
- Eirexa de Garabás (diante da igrexa): 08.00 h e 11.40 h.
- Dacón (na parada do autobús): 08.10 h e 11.50 h.
- Lago (no Campo de Lago): 08.20 h e 12.00 h.
- Maside (na Alameda): 08.25 h e 12.05 h.
- Listanco (na parada do autobús): 08.30 h e 12.10 h.
Os regresos organizaranse unha vez realizadas as exploracións.
O programa galego de detección precoz do cancro de mama ten como obxectivo favorecer o diagnóstico temperá da enfermidade, incrementando as posibilidades de tratamento e mellorando o prognóstico das pacientes.