Ir o contido principal

​A XUNTA EXPÓN OS RESULTADOS E A EFECTIVIDADE DOS PROGRAMAS DE CRIBADO POBOACIONAIS PARA A DETECCIÓN PRECOZ DO CANCRO

Imaxe
20260311_Xornada_cribados_cancro_Barcelona1_20260311135130.jpeg
 

A subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable da Consellería de Sanidade, Sagrario Pérez Castellanos, participou en Barcelona no obradoiro Detección precoz do cancro: dos programas poboacionais de cribado á práctica clínica, onde expuxo os bos resultados e a efectividade dos programas de detección precoz do cancro que ten en marcha a sanidade pública galega. 

Durante o encontro, enmarcado nun ciclo de reflexión sobre prevención e promoción da saúde, profesionais sanitarios de toda España abordaron os retos actuais dos programas de cribado de cancro e o seu impacto na saúde poboacional. 

Na súa intervención, a subdirectora xeral presentou a experiencia do sistema de saúde galego na avaliación destes programas que, tras máis de dúas décadas de implantación, permiten medir o seu efecto na redución da mortalidade, na detección precoz e tamén na organización da asistencia sanitaria.

En Galicia, o cribado de cancro de mama permitiu reducir a mortalidade neste tumor en máis dun 20 % nas mulleres de 50 a 69 anos, mentres que o cribado de cancro colorrectal mostra unha diminución da mortalidade próxima ao 21 % nesta mesma franxa de idade.

No transcurso do encontro subliñouse a necesidade de avaliar estes programas dun xeito integral, incorporando indicadores de impacto asistencial, como o volume de probas diagnósticas derivadas do cribado e a súa repercusión sobre a demanda asistencial tanto en atención primaria como hospitalaria.

Cribados piloto de cancro de pulmón e próstata

Galicia está a participar nun proxecto europeo de estratificación do risco en cancro de próstata, no que o sistema de saúde galego actúa como piloto en condicións reais de asistencia, co obxectivo de avaliar a viabilidade de modelos de cribado baseados no risco individual.

Nesta liña, Pérez Castellanos expuxo que tamén se está a avaliar, a través dun proxecto piloto, o impacto asistencial dun futuro cribado de cancro de pulmón. Neste caso, a pilotaxe realizará TAC de baixa dose para identificar casos sospeitosos e activar as vías rápidas de diagnóstico, xerando información relevante para planificar a capacidade diagnóstica e asistencial do sistema de saúde.

Os expertos coincidiron en que a incorporación do Big data, a intelixencia artificial e as tecnoloxías ómicas permitirá avanzar cara a modelos de detección precoz máis personalizados, nos que a idade de inicio, a intensidade das probas ou o seguimento poderían adaptarse ao risco individual de cada persoa, sempre garantindo a equidade e a sustentabilidade do sistema de saúde público.

O obradoiro Detección precoz do cancro: dos programas poboacionais de cribado á práctica clínica forma parte dun ciclo de encontros científicos centrados en trasladar o coñecemento científico á práctica en prevención e promoción da saúde, co obxectivo de reforzar a efectividade das políticas de saúde pública e mellorar os resultados en saúde da poboación.