A XUNTA INCENTIVA A VACINACIÓN FRONTE Á GRIPE Á POBOACIÓN DE ENTRE 60 E 69 ANOS CUNHA CITACIÓN EXTRAORDINARIA A VINDEIRA FIN DE SEMANA NOS CENTROS HOSPITALARIOS
A Xunta pon en marcha a vindeira fin de semana unha campaña extraordinaria de vacinación fronte á gripe nos hospitais galegos, cuxa poboación diana serán as persoas con idades comprendidas entre os 60 e os 69 anos que aínda non fosen citadas.
A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, enviará SMS de citación para que esta poboación diana poida acudir aos centros hospitalarios públicos galegos e vacinarse fronte a un virus que, na presente campaña, está a adiantar a súa onda pandémica.
Deste xeito, durante os días 29 e 30 de novembro, sábado e domingo, os sete hospitais de cabeceira do Servizo Galego de Saúde facilitarán a vacinación en horario de 10,00 a 14,00 horas e de 16,00 a 20,00 horas.
Pola súa banda, os hospitais comarcais reforzarán a campaña de vacinación que se está a levar a cabo nos centros de atención primaria, vacinando durante a xornada do sábado 29 de novembro.
Ata o de agora, Galicia conta con máis do 75 % das persoas maiores de 80 anos vacinadas fronte á gripe, unha taxa de cobertura que se sitúa ao redor do 60 % no casos das persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos.
A Xunta convida a todas as persoas a vacinarse fronte á gripe e á Covid-19 co obxectivo de previr a aparición de enfermidades e minorar a súa incidencia na poboación.