A XUNTA INCREMENTA ATA AS 130.000 DOSES A COMPRA ANUAL DE VACINAS FRONTE AO HERPES ZÓSTER DEBIDO AO AUMENTO DE MÁIS DO 20 % NO NÚMERO DE VACINADOS
O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación da subministración de 130.000 doses da vacina fronte ao herpes zóster por un importe de 16.257.800 euros e un período de 12 meses. Isto supón un incremento dun 27 % no número de doses con respecto á última compra, motivado polo aumento de máis do 20 % no número de persoas vacinadas nos grupos de idade aos que se indica.
O novo expediente prevé unha posible prórroga, por un máximo dun ano máis, cunha eventual modificación do contrato inicial de ata o 20 %, polo que o valor estimado, neste caso, ascendería a 34.391.500 euros.
Desde o ano 2023, Galicia incorporou ás vacinas incluídas no calendario da sanidade pública a protección fronte ao virus do herpes zóster indicada para todas as persoas cando fan 65 e 80 anos, ademais de para grupos de risco, como persoas con inmunodepresión e certas condicións de risco como a infección por VIH, con enfermidades do sangue malignas ou persoas con tumores sólidos en tratamento con quimioterapia.
Ao longo da campaña de 2023 vacináronse o 31,2 % das persoas de 65 anos e o 24,78 % das de 80, uns niveis de cobertura superiores á media nacional, que foi do 25,5 % e do 18,81 %, respectivamente. Na actualidade, grazas a iniciativas da Consellería de Sanidade para aumentar as coberturas, esas porcentaxes subiron máis dun 20 %: ata o 53,19 % e o 49,03 %, respectivamente.
Este incremento mantívose na temporada 2024 xa que se vacinaron inicialmente o 38,56 % das persoas nadas en 1959 e que facían 65 anos e o 33,11 % das que facían 80. A día de hoxe subiu máis dun 10 %: ata o 50,31 % e o 46,27 %, respectivamente.
Estes datos avalan o labor da Consellería de Sanidade realizado, por unha banda, no ámbito profesional e, por outro, entre a cidadanía.
En primeiro lugar, elaboráronse listas de persoas candidatas á inmunización coas que o persoal dos centros de saúde puidese traballar na captación de mulleres e homes que puidesen beneficiarse da protección fronte ao herpes zóster.
A maiores, os servizos de medicina preventiva e de diversas especialidades hospitalarias aconsellan a vacinación a persoas de grupos de risco.
Tamén se difundiron os beneficios da vacinación entre a cidadanía a través de vídeos divulgativos nas pantallas dos centros sanitarias e con mensaxes sms dirixidas ás persoas que cumprían a idade requirida.
Grazas a estas medidas, non só se recuperou a persoas que non se vacinaran no seu momento senón que nas últimas campañas xa se superan de forma inicial as coberturas do primeiro ano da inclusión da vacina na carteira de servizos pública. Se no ano 2023 a porcentaxe de persoas de 65 anos que se vacinaran en campaña foi do 31,20 %, o ano pasado xa foi do 35,54 %. E no que respecta ás persoas de 80 anos, en 2023 foi do 24,78 % e en 2025 xa estivo no 31,9 %.
Riscos do herpes zóster
O virus varicela zóster é unha enfermidade de baixa mortalidade pero moi prevalente, especialmente a partir dos 50 anos. Os seus síntomas máis comúns son manchas vermellas, ampolas, formigueo, ardor ou dificultade para mover algúns músculos da cara.
Unha vez que a erupción sandou pode quedar dor do nervio, o que se coñece como neuralxia postherpética e que é unha complicación que pode ocasionar discapacidade e diminución da calidade de vida. Polo tanto, a enfermidade constitúe un importante problema de saúde e de carga para a sociedade.
A diminución do impacto por este virus evita tanto os custos directos da asistencia sanitaria (en atención primaria, consultas especializadas, ingresos hospitalarios ou prescricións farmacolóxicas), como custos ocasionados pola perda de produtividade nas persoas máis novas e das persoas coidadoras dos pacientes maiores.
A vacinación fronte ao herpes zóster realízase cunha pauta de dúas doses. A potencial poboación que se beneficiará este ano é de 67.600 persoas e de 67.400 en 2027, que son as persoas que fan 65 e 80 anos. Ademais seguirase recaptando a persoas nadas en 1943, 1944, 1945, 1958, 1959 e 1960, ás que lles correspondería a vacina por cohorte de idade desde a inclusión da vacina na sanidade pública galega.